Tono Campos conquista o seu sétimo título europeo de maratón no C1, con Fernando Busto bronce

DEPORTES

O grovense eleva a 45 as súas medallas en grandes campionatos e a 17 en citas continentais
07 jun 2025 . Actualizado á 21:38 h.Terceira xornada do Campionato de Europa de Maratón de piragüismo e novo día de colleita de medallas da representación galega na selección española presente na localidade portuguesa de Ponte de Lima. Este sábado, con Tono Campos engordando a súa lenda de mellor piragüista hispano da historia na modalidade de fondo do deporte da pa. Unha condición que referendou conquistando o que é o seu sétimo título continental de C1 Sénior tras revalidar a súa vitoria do ano anterior en Poznan, Polonia.
Campos tivo que dar o do de peito, literalmente. Tras unha batalla de algo máis de 22 quilómetros, o padeeiro arousán do Breogán do Grove gañou sobre a liña de meta ao canoísta local Rui Lacerda nun esprint duns 150 metros. Un final de infarto que parecía resolto a metade do duelo na recta final do percorrido de seis voltas e cinco porteos do circuíto luso, ata que Lacerda botou o resto para pór en serios aprietos ao galego. Cun crono final de 1 hora, 48 minutos, 53 segundos e 39 centésimas, Tono Campos impúxose finalmente polo suspiro de 88 centésimas de segundo. Xusto por detrás, o catoirés Fernando Busto (Club Piragüismo As Torres-Romaría Viquinga), descolgado da pelexa polo título no último porteo en terra, colgouse o bronce en solitario en 1.49.10,78, a 17,39 segundos do breoganista.
Co seu novo éxito, Tono Capos atesoura 45 medallas en grandes citas internacionais. Dezasete delas, no Campionato de Europa de Maratón, no que este domingo intentará seguir engordando o seu palmarés na final do C2 Sénior, formando coa súa parella nos últimos anos e compañeiro de club Diego Romero. Unha regata na que o pontevedrés Jaime Duro pelexará tamén o seu segundo ouro en Ponte de Lima, a dúo con Óscar Graña, do Kaiak Tudense. Iván Alonso intentará medalla no K2, despois de ser sétimo no K1 este sábado, proba, no seu caso a feminina, na que Tania Álvarez acabou cuarta.