Portugal foi mellor sen balón

DEPORTES

MIGUEL A. LOPES | EFE

09 jun 2025 . Actualizado á 00:03 h.

Nunha final moi igualada, tanto que se decidiu na quenda de penaltis, cada equipo aplicouse a fondo para tratar de espremer as súas mellores cualidades. E Portugal foi mellor sen balón. Soubo desactivar a Lamine Yamal, inusualmente desconectado do xogo, e a Nico Williams, sobre todo na segunda parte. Non deixou que España se sentise cómoda, sóubolle pechar moi ben os espazos.

Aínda así, o colectivo de De la Fuente foi capaz de armar dúas transicións moi afiadas nas que desordenó ao conxunto luso. Aí mesturáronse a velocidade de pensamento e a de execución para avanzar con rapidez e chegar con xente á área. Pero, salvo nesas dúas accións, custoulle moito pisar a área.

A España faltoulle algo de contundencia na contención, sobre todo nos dous tantos encaixados. No primeiro deixou demasiado tempo e espazo nas inmediacións da área. No segundo, algo mordido, quizais Unai Simón debeu saír. E a Cristiano Ronaldo sobroulle experiencia para desequilibrar a Cucurella cun empujoncito.

A diferenza da Eurocopa, á selección faltoulle ser algo máis proactiva. Non roubou tantos balóns en campo rival, tivo que masticar máis o xogo e, cos extremos ben anulados, non foi capaz de controlar e mandar. En todo caso, tivo a virtude de non desesperarse.