
Espectacular partido, na ida das semifinais. O Barcelona tivo que facer moitísimo, xa que se atopou sempre cun rival defensivamente moi armado, moi afundido e logo cun resultado adverso moi pronto (0-2 no minuto 21).
Ao Inter salvoulle ser un equipo italiano, rochoso á vella usanza. Foron o típico bloque que defende moito, moi atrás e que se mantén firme ante as adversidades. Estou convencido de que se fose outro conxunto (alemán, francés...) que perdería, pero os italianos teñen este carácter, esta garra... A primeira parte era para ir 4-2, xa que os locais incorporaban a moita xente á área e cun Laminar Yamal espectacular.
É incrible o doado que chega dentro da área sen facer nada e ser tan decisivo. É capaz de fixar dous ou tres rivais sen necesidade de regatealos. Non sei se hai algún xogador no mundo que o poida facer.
Xa na segunda parte, o Barcelona notou o cansazo da final da Copa do Rey ante o Barcelona. Creo que podería apertar máis, pero as pernas estaban xa na reserva. Nos últimos 45 minutos o Inter foi un pouco máis cara arriba, pero mais ben por demérito dos locais. Non tiñan esa frescura e esa agresividade do inicio do encontro. Unha vez que están cansos os xogadores do Barcelona empezan a chegar tarde aos duelos e os visitantes empezaron a causar perigo ao contraataque.
Tras estes primeiros 90 minutos da eliminatoria queda todo por decidir para o Giuseppe Meazza. Moitos afeccionados do Barcelona agardaban poder pechar a eliminatoria en Montjuich, pero vendo as circunstancias do encontro non poden dar como malo o resultado. A pesar do visto, continuo dando como favorito aos de Hansi Flick, a pesar de que xogan a domicilio e que o Inter de Milán vai contar co apoio de toda a súa afección.