Este é Benjamin Compaoré, o marido e novo adestrador de Ana Peleteiro

DEPORTES

É triplista, igual que a ribeirense, e durante este ano aínda compaxinou a alta competición coa preparación dun atleta francés

19 sep 2024 . Actualizado á 09:18 h.

Non será a súa primeira experiencia como adestrador, pero si a máis soada. Benjamin Compaoré (Bar-le-Duc, Francia, 1987) é un destacado triplista, cunha marca persoal de 17,48 metros, o que significa que, se fose español, sería o segundo do ránking.

Campión de Europa no ano 2014 e bronce no Mundial de pista cuberta do 2016, na actualidade, o marido de Ana Peleteiro estaba a compaxinar a súa vida deportiva (disputou a final do último Europeo) cos seus primeiros pasos como adestrador.

Discípulo de Jean-Hervé Stiévenart, o que fóra un dos gurús do triplo salto a nivel mundial, Benjamin Compaoré leva desde hai algúns anos a carreira de Enzo Hodebar, un saltador de 25 anos, ao que chegou a converter en campión de Francia. Deuse a curiosa circunstancia de que técnico e atleta chegaron a compartir escenario nalgunha competición, posto que o novo adestrador de Ana Peleteiro seguiu participando en importantes torneos ata fai nada.

Aínda que a súa experiencia como técnico é escasa, si que se lle viu nas grandes citas, Xogos incluídos, dando consellos tanto ao grupo de adestramento de Guadalaxara como aos atletas da federación francesa.

Ana Peleteiro comunicaba este mércores que a decisión de cambiar de adestrador e deixar o grupo de traballo que dirixe Iván Pedroso débese á necesidade de «cumprir un soño» e «conciliar» a vida familiar coa súa filla e o seu marido, Benjamin Compaoré. «A miña filla non estaba a ter esa infancia que eu tanto estraño», explicou a atleta de Ribeira nunha rolda de prensa. 

«Despois de trece anos fóra, o meu corazón pedíame volver ao meu refuxio, que é Galicia, e agora o meu adestrador será Benjamin, o meu marido e compañeiro de vida. Foi un proxecto que llo ofrecín a el. Quéroo deixar claro. En ningún momento ofreceumo el a min. Eu quería evitar o persoal co profesional e expúxenllo despois de París», explicou Peleteiro, que eloxiou as virtudes de Benjamin Compaoré como adestrador. «Leva anos compaxinando ser atleta e adestrador. Aínda que o deporte só reloce cando gañamos títulos e rompemos marcas, o atletismo é moito máis que iso. Podes ser un grande adestrador, pero non sempre che poden chegar grandes talentos con ganas de conquistar cousas. Eu no 2016 non tiña ganas de conquistar nada e, a partir de estar con Iván, víuseme con outras ganas. Benjamin é moi dedicado e ten unha visión do triplo salto parecida á miña e á de Iván. Desde que o vin na súa faceta de adestrador inspiroume confianza e curiosidade», explicou a atleta ante os medios.