O Barcelona e Abidal separan os seus camiños

a voz

DEPORTES

Marc Gonzalez Aloma / AFP7

Segunda saída en Can Barça despois de que o club e o francés alcanzasen un acordo para rescindir o contrato que unía ao xa exsecretario técnico coa entidade azulgrana

18 ago 2020 . Actualizado á 20:11 h.

Segundo adeus en Can Barça en menos de 24 horas. Se onte o club azulgrana comunicaba a destitución de Quique Setién como adestrador do primeiro equipo, este martes a noticia é a marcha de Éric Abidal. O FC Barcelona e o xa exsecretario técnico alcanzaron un acordo para rescindir o contrato de unía ambas as partes, polo que o francés non deseñará o proxecto deportivo da próxima tempada.

Unha decisión que, segundo varios medios, partiría do propio Abidal, acorde coa decisión xeral dunha necesaria reestruturación dentro do conxunto catalán, especialmente na súa parcela deportiva tras a desastrosa tempada asinada. E tamén porque a súa figura estaba moi tocada tras o encontrón de hai uns meses con Leo Messi.

Se o luns era o propio Abidal quen comunicaba ao adestrador do primeiro equipo, Quique Setién, a súa destitución tras o desastre de Lisboa, co 2-8 ante o Bayern de Múnic nos cuartos de final da liga de Campións, este martes foi o propio exfutbolista azulgrana quen deixaba de pertencer á entidade azulgrana.

«O club expresa publicamente o seu agradecemento a Éric Abidal pola profesionalidade, o compromiso, a dedicación e o trato positivo e próximo que mostrou sempre cara a todos os estamentos que conforman a familia azulgrana, e deséxalle sorte e éxitos no futuro», afirmou o FC Barcelona nun conciso comunicado.

Abidal, por tanto, non seguirá a cargo da secretaría técnica dous anos despois de relevar a cargo da mesma a Roberto Fernández, que á súa vez substituíu a Andoni Zubizarreta.