Jonny Otto: «Souben que era internacional por un wasap»

DEPORTES

En seis meses foi pai, internacional e despediuse do Celta para irse á liga inglesa vía Atlético

31 dic 2018 . Actualizado á 05:00 h.

A Premier League non sabe de parón do Nadal. E Jonathan Castro Otto (Vigo, 1994) tampouco o bota en falta. Volveu a xogar tras lesionarse o mes pasado durante o amigable entre España e Bosnia. Aínda molesta, di. Pero quere que o ritmo non pare.

- Igual a España viríalle ben o «boxing day» visto como se cotiza ir ao fútbol durante o curso.

- Aquí os campos énchense sempre, dá igual onde xogues e á hora que sexa. É impresionante, algo que en España non ves. En Nadal veñen máis familias, pero non fai falta xogar nestas datas para iso. Dan máis facilidades, vívese doutro modo. O xogo é máis vertical, máis físico, hai diferenzas. Pero a maior é o ambiente de fútbol.

- Foi a Premier a que lle buscou ou Jonny o que apostou por ela?

- Era unha experiencia que me apetecía vivir, pero foi o Atlético ao asinar o traspaso o que me expuxo a posibilidade e desde o primeiro momento díxenlles que si. Ao ser unha cesión era todo máis sinxelo, porque se non me adaptaba sempre tiña a posibilidade de volver. Estou moi contento coa decisión que tomei.

- Quen sabe se a posible marcha de Lucas Hernández ao Bayern pode precipitar o seu regreso...

- Non, nin mo expoño. É verdade que Lucas pode xogar no lateral esquerdo, pero non o estaba facendo, e no fondo ocupamos posicións diferentes. Estou centrado en gozar cos Wolves e ata xuño non volvo ser xogador do Atlético. Xa veremos entón que é o que pasa.

- Iago Aspas e Nolito xogaran antes na Premier sen lograr adaptarse do todo.

- No seu momento pregunteilles como fora a súa experiencia. Ao final, cada xogador é un mundo e cada situación é diferente. Cando tomas unha decisión así tes que facelo con todas as consecuencias. Teño un adestrador e varios compañeiros portugueses e iso facilitoume moito. Non foi atoparme con todo inglés de súpeto. Están tamén Raúl Jiménez e Adama Traoré, que me axudaron co idioma.

- Que estaba a facer cando a selección chamou á súa porta?

- Adestrando. Cando cheguei ao vestiario tiña no móbil non sei cantas chamadas e mensaxes de WhatsApp. A verdade é que xa non lembro cal de todos foi a primeira mensaxe que abrín, pero si que me decatei así, por un wasap. Non mo agardaba de ningún xeito e sentín unha satisfacción enorme.

- Vaia xeito a de Luis Enrique de condicionar a súa carreira deportiva, primeiro en Vigo e logo como seleccionador.

- E iso que ao principio non contaba para el! Marcou a miña traxectoria, acaboume pondo na esquerda e desde entón levo xogando sempre, salvo momentos moi puntuais, nese posto. Fíxate como son as cousas que ao final me acaba chamando para a selección como lateral dereito. Fixo un cambio de xeración, algo que na selección é moi difícil porque había grandes xogadores. Oxalá que para min non quede aí e poida repetir.

- Segue pendente do Celta?

- Claro. Vexo todos os partidos que podo, sempre estou atento ao que fan. Co cambio de adestrador nótaselles máis contentos, recuperaron o fútbol dos últimos anos. É un equipo que estaba acostumado ao balón, á posesión, e antes de chegar Cardoso parecían como abstraídos. Creo que Mohamed, polo que mostraba o equipo no campo, tiña unha filosofía que non encaixaba co persoal.

- Sente que lle faltou cariño alí?

- Sempre me sentín valorado polo club, polos meus compañeiros e tamén pola xente. Pero é certo que ao final, polo que fóra, houbo un choque. Aprecio moito ao Celta e á afección, só podo ter boas palabras. Chegou un punto no que as cousas se deron así. Eles están contentos, e eu tamén, e hai que mirar cara adiante. Gustaríame despedirme doutro modo, pasou todo moi rápido. A pretemporada aquí estaba avanzada e tiña que recuperar a forma. Pero sento que as portas quedaron abertas, tanto por parte do club como pola miña. Ao final é o equipo da miña cidade e sempre será a miña casa.

- Hai seis meses xogaba no Celta, non fora pai e non podía imaxinarse que sería internacional absoluto tan rápido.

- É verdade que foron meses bastante movidos, todo moi seguido. Parte son decisións da vida, outras che veñen dadas. Sento que crecín moito en moi pouco tempo.

- É unha persoa diferente á que marchou de Vigo en xullo?

- Saír a outro país cámbiate e ao ser pai veste xa doutro xeito, faiche madurar en moitas cousas. Véxome diferente e a miña vida cambiou, tamén é diferente. Pero ao final, na vida, por máis cambios que haxa, o importante é ser unha boa persoa.

A conversación con Jonny desenvólvese para o futbolista na estación de Wolverhampton. O equipo está a piques de tomar o tren a Londres para enfrontarse ao Tottenham, ao que acabaría vencendo por 1-3.

- Se a viaxe o fixese en coche pasaríalle como no campo, tería que reconverterse e conducir pola esquerda.

- [Ri] Pensei que o ía a levar peor. Aínda hai veces que me despisto e voume ao outro carril, pero cada vez menos.

- E o inglés?

- Vou defendendo. Seguramente en xaneiro colla un profesor particular.

- Escucha música durante os desprazamentos?

- Si, sempre acompaña. Gústame un pouco de todo, o meu cantante favorito é Melendi pero desde que naceu o neno creo que o que máis escoito son os Cantajuegos.

- Tardou en cambiar un cueiro?

- O primeiro cambieillo eu. Estaba en Galicia e pola mañá tiña que coller o avión para concentrarme coa selección. A noite antes a miña muller púxose de parto e fomos directos ao hospital.

- Dicía un xornalista deportivo que «os futbolistas non se poden levantar pola noite para coidar aos seus fillos porque viven do seu descanso».

- Que vai! Imos turnando, unha noite ela e outra eu. Antes dos partidos concentrámonos e tócalle a ela, así que cando estou na casa levántome eu para que ela poida descansar. Paso todo o tempo que podo con eles e cos meus cans, que tamén son a miña familia. Teño catro e traelos desde Vigo foi toda unha odisea. Vaia lea de papelorio! Máis de dous meses tardei para en arranxar todo para que puidesen vir.

Tamén en La Voz