Técnicos brandos de ideas firmes

DEPORTES

XOSE CASTRO

31 dic 2018 . Actualizado á 05:00 h.

Hai só 25 anos os berros xenófobos non só eran frecuentes nos estadios, senón que incluso saían dos fondos que ocupaban grupos ultras tan despistados que logo quixeron darse unha capa de pintura antirracista. Foron os tempos de maior descontrol tanto dentro como ao redor dos estadios, cando ir ao fútbol en familia podía derivar nunha práctica de certo risco. En 1992 o adestrador Guus Hiddink esixiu a retirada dunha esvástica da bancada de Mestalla antes de que empezase un partido contra o Albacete. Aquel xesto abriu un camiño, cando gran parte dos directivos dos clubs aínda se empeñaban en branquear a imaxe dos seus mozos malos, nunha obscena tolerancia da violencia por acción ou por omisión. Tanto, que aquel día o presidente do Valencia, Arturo Turzón, negou os feitos antes de que os confirmase o adestrador holandés. «É imposible. Como pode estar pendente o preparador do que sucede nas bancadas? O seu traballo está sobre o céspede. Paréceme unha bobada». Non llo pareceu a Hiddink, marcado pola dor familiar durante a segunda Guerra Mundial na localidade de Arnhem, no lado holandés da fronteira con Alemaña. Nin aos clubs e adestradores que seguiron o seu exemplo nos meses seguintes controlando símbolos nazis.

Aquela tarde Hiddink pasou das palabras aos feitos, algo que non sucedera antes, a pesar de que a Lei do Deporte xa prohibía nos campos pancartas que incitasen á violencia. E rozou un camiño sen retorno. Os estadios son hoxe lugares máis respirables grazas ao guindo de adestradores como Hiddink e Ancelotti, que esta semana tratou de parar o Inter-Nápoles polos insultos racistas contra Koulibaly. Grazas ao seu xesto, quizá non haxa próxima vez, ou, se a hai, suspenderase o partido.

As etiquetas no fútbol poden ser tan absurdas que adestradores de ideas tan firmes como Hiddink ou Ancelotti se estereotipan como brandos porque prefiren o convencemento ao berro, a razón ao insulto. Que ironía de etiqueta cando outros tan directos e bizarros como Cholo Simeone miraron hai uns anos para outra parte ante un crime cometido polos mozos descarreirados do Calderón.