O pesadelo dun enfermo mental: «Na miña cabeza hai un ano en branco, pero teño 18 xuízos pendentes»

Bea Abelairas
Bea abelairas FERROL / LA VOZ

GALICIA

CESAR TOIMIL

Andrés Calvo Fraguela foi comerciante e xogador do Racing de Ferrol, unha crise familiar volveuno « tolo» e empurrouno a causar desordes que di non lembrar

30 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Andrés Calvo Fraguela tivo cun coñecido comercio de mobles de cociña e electrodomésticos en Ferrol. Xogou nos xuvenís do Racing e nunha longa lista de clubs da comarca, onde fixo moitos amigos. «Todo o perdín á vez que perdín a cabeza», conta nunha das súas múltiples visitas ao despacho do seu avogado. Tras unha época de problemas familiares, o estrés transformouse nunha enfermidade mental que o mantivo nun estado delirante moito tempo. Non se acorda de nada, pero cada poucos meses chégalle unha citación por algunha das súas saídas de ton: ten 18 xuízos pendentes por altercados diversos que van desde agresións a veciños de toda a vida, resistencia aos axentes que acudían a controlalo ou desfeitas en mobiliario de todo tipo. Non hai ningunha acusación por roubo ou furto.

«Unha vez subinme en pelotas ao tellado da miña casa de Pedroso, porque me fun a unha zona apartada, xa que oía voces, pensaba que todo o mundo estaba en contra de min, que me axexaban...», di con bágoas nos ollos.

Máis dunha vintena de veces rematou detido en comisaría: «Eu non o podo entender, víase que era unha persoa que estaba mal... se ata me chamaban o tolo de Pedroso, pero eu non sempre fun así, terían que levarme ao médico, a unha institución, non ao calabozo», reflexiona. Andrés tivo sempre o apoio incondicional do seu médico de cabeceira e das súas fillas. «O meu médico axudábame no que podía, ata me recomendou que non me parase moito nos sitios para evitarme problemas; a miña filla nunca me deixou só e por iso puiden dar o paso para pedir que me internasen», detalla á falar dun ingreso voluntario nun centro do que lle deron a alta hai xusto un ano, en xullo do 2023.

Agora o pesadelo non sae da súa cabeza, senón que chega en forma de citación xudicial. Cada pouco tempo chégalle unha notificación das causas que ten abertas por ese ano de descontrol que el achaca aos problemas causados pola medicación: «Eu estiven vendo que o que tomaba podía producir esas alucinacións, é que eu estaba na miña casa da aldea e podía escoitar aos meus veciños de Ferrol falar mal de min, así que comecei a illarme, a escapar do mundo... », rememora.

Espido polo monte

O seu avogado é Javier Ontañón e o encargado de ir informado o seu cliente das cuestións das que se lle acusa: «Non lembra nada, cada causa é como un episodio dunha serie da que é protagonista, pero que non viu nunca». Explica que, como sucede a moitas persoas cun problema mental, hai moitos reparos en admitir cuestións que son claves para establecer o diagnóstico: «Cando Andrés comezou a ser tratado por profesionais en psiquiatría non manifestou todos os problemas de voces e alucinacións que sufría, para enfrontarnos ao xuízo temos os informes de como estaba cando tivo a cordura de pedir un ingreso para estabilizarse, pero non hai informe de como estaba os meses anteriores, cando deambulaba noites enteiras espido polos camiños dos montes de Pedroso, cando cría que a xente lle quería agredir e estaba só...».

Nos próximos meses Andrés, de 70 anos, terá que sentar polo menos 18 veces no banco dos acusados para responder por accións que non lembra. Con todo, estes xuízos non son o que máis lle inquieta. «O que máis me preocupa é o que pensará a xente: quero pedir perdón a todas as persoas que molestei, é que non era eu, non me recoñezo, dáme moita vergoña, antes ía por Ferrol e todo o mundo saudábame, antigos clientes, amigos de sempre, agora non sei o que pensarán de min e baixo a cabeza».