And the winner is?

José Luis Abadín

DEPORTES

LARRY W. SMITH

20 oct 2018 . Actualizado á 23:53 h.

O caso non é saber quen, se non cando. Lewis Hamilton ten case asegurado o pentacampeonato. O inglés só necesita 8 puntos de vantaxe sobre Vettel en Austin, onde xa venceu o título no 2015, para lograr a xesta de igualar a Fangio en número de títulos.

E de ser esta fin de semana no Gran Premio de EE. UU., onde historicamente se correu en circuítos moi diferentes. Desde o primeiro Gran Premio dos Estados Unidos en Sebring, que era un circuíto á vella usanza dentro dun aeródromo, pasouse por outros circuítos urbanos como Long Beach ou incluso no aparcadoiro do casino Caesar Palace en Las Vegas, pasando xa máis recentemente por un trazado rutero dentro do circuíto de Indianápolis, onde no 2005 viviuse un dos momentos máis vergoñentos da fórmula 1 co Michelin Gate, onde só disputaron seis coches a carreira, ata chegar a un deses novos circuítos con algo de esencia, Austin. Ten un trazado moi divertido con cambios de rasante e un primeiro sector que é unha delicia para todos os pilotos. Un circuíto de categoría para un país onde o que hai, sobre todo, son óvalos.

 Podería ser unha fin de semana con moitas precipitacións, o que nos traería unha carreira moi interesante de onde non nos apartariamos da pantalla nas case dúas horas que dura un gran premio, a condición de que a FIA permita.

 Para a grella do 2019, seguen confirmándose asentos. Co volante de Russell en Williams e o de Kvyat con Toro Rosso, xa só nos quedan as confirmacións dos seus compañeiros. Aínda pode haber algunha sorpresa, pero o segundo volante de Williams ten pinta de ter dono ruso, aínda que poida que Toto Wolff aínda logre meter a Ocon nese volante, ou Kubica logre a súa meta de volver como piloto oficial. Logo no volante do equipo B de Red Bull soan diferentes nomes, xa veremos se finalmente logran pescar a Mick Schumacher.

 Vettel vai ter que apertar os dentes e bater a Leclerc para a tempada, se non quere perder a súa condición actual de piloto top. Vai ser, a priori, o duelo máis interesante da próxima tempada na fórmula 1. Aínda non rematou a tempada, pero o xa está case todo o peixe vendido.

@JoseLuisAbadin é piloto galego de fórmulas