O fin da xira europea

José Luis Abadín

DEPORTES

02 sep 2018 . Actualizado á 05:00 h.

Monza, ao norte de Milán, adoita ser o fin da tempada europea da fórmula 1, sendo o circuíto que estivo ininterrompidamente no Mundial desde 1950. A pista ten un trazado con varias chicanes pero, aínda así, é un dos máis rápidos da fórmula 1, onde os equipos adoitan configurar os coches con aleróns máis simples e con moi pouca carga. Grazas a iso, é o trazado no que xa se conseguira a volta coa velocidade media máis alta, algo que lograra no ano 2004 Juan Pablo Montoya, con 262,2 quilómetros por hora na súa Williams V10.

Son oito as carreiras que faltan para saber quen será o vencedor do duelo desta tempada e, ao cabo, o que iguale a Fangio con cinco Mundiais: ou Hamilton, ou Vettel.

Tras a gran vitoria do alemán en Spa a pasada semana, ten unha ocasión excelente na casa de Ferrari, onde logrou a súa primeira vitoria da fórmula 1 hai agora dez anos con Toro Rosso. Parece que Ferrari ten a dianteira en canto a rendemento nesta última parte da tempada, aínda que como sempre dicimos, ata a bandeira a cadros todo é posible e matematicamente é posible que se una algún outro piloto a esta loita pero, salvo hecatombe, será moi complicado.

No medio da grella seguen os rumores de cambio de pilotos. Todo, polo probable salto de Stroll a Force India. É algo que ocorrerá, pero non se sabe exactamente cando. Ese movemento propiciaría varios cambios na grella e podería traer de volta a un gran premio de fórmula 1 a Robert Kubica, tras unha longa loita desde o seu accidente de rali no 2011.

A fórmula 1 sempre viviu de ciclos, equipos que, desde o medio da grella pasan á parte dianteira, a loitar por Mundiais e despois viven unha época decadente. E nesa parte do ciclo están tanto Williams como McLaren. Dúas escuadras privadas das máis exitosas da historia da fórmula 1, pero que viven os seus peores momentos. Quizais o menos agardado é o do equipo de Woking, McLaren, que seguen o seu particular descenso aos infernos e que pode vivir un dos seus peores grandes premios en Monza. Non lograron evolucionar correctamente o monopraza durante toda a tempada, e co equipo pensando no coche do 2019 non veranse, salvo algo inesperado, na parte nobre da grella.

@JoseLuisAbadin é piloto galego de fórmulas