O Porto/Post/Doc 2025 pecha cunha forte presenza galega

Brais Suárez
Brais Suárez OPORTO / E. LA VOZ

CULTURA

Fon Cortizo, retratado ante o cinema Batalha, no Porto.
Fon Cortizo, retratado ante o cinema Batalha, no Porto. Brais Suárez

Os realizadores Fon Cortizo e Iván Castiñeiras presentaron os seus traballos

01 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Porto foi unha das paradas no longuísimo percorrido dos realizadores galegos Fon Cortizo e Iván Castiñeiras na xira de presentación de Abellón e Deuses de pedra, respectivamente, proxectadas no festival internacional de cinema documental Porto/Post/Doc, que rematou este domingo. Dúas propostas moi distintas, pero que parten das propias raíces familiares para explorar as mudanzas xeracionais.

A 12.ª edición do festival, que cada ano conta cunha xornada de encontros da industria audiovisual galega e do norte luso, contou cun pouco habitual protagonismo de Galicia. Así foi na xornada inaugural co filme Romería, de Carla Simón, rodado nas Rías Baixas. Only on Earth, de Robin Petré, apareceu coma un dos traballos máis actuais e relevantes tralo tráxico verán vivido en Galicia e Portugal, pois a realizadora danesa mergulla nos montes meridionais galegos para retratar, con resignación e lentitude, os factores que delatan un incendio antes de que estoure. O lume non se retrata coma accidente ou sorpresa, senón coma unha realidade inevitábel que o propio ecosistema de plantas, animais e persoas entende e agarda. Os incendios coma fenómeno meteorolóxico e os seres vivos coma heroes de resistencia ante a transformación da paisaxe e do clima.

Outro sentido da resistencia é o que Castiñeiras aborda en Deuses de pedra, como a capacidade de permanecer na rexión rural e fronteiriza de Trás-os-Montes. Adiviñanzas, verbenas, cancións, gastronomía e os testemuños directos ante a cámara dunha familia, recollidos durante 15 anos, amosan a vida cotiá que sucumbe á modernidade. Castiñeiras esculpe, con moito agarimo e sensibilidade estética, un recoñecemento aos que conseguen ficar nun lugar que cae no esquecemento, coma dolmens que resisten ás inclemencias do tempo.

Malia que semella unha realidade común á galega, o cineasta matiza: «Céntrome no lado portugués, primeiro, para explorar as raíces da miña nai e o meu avó, pero tamén porque a realidade social estaba moito máis estragada da beira galega, onde o rural se baleirou antes. Aínda que en Portugal é moi semellante, era máis dinámico, coma en Galicia vinte anos antes», explica por teléfono. O seu filme ofrece unha reflexión sobre a propia natureza raiana: «É unha das fronteiras máis antigas de Europa, á que o espazo Schengen trouxo moitas cousas positivas, pero tamén a desnaturalización do seu carácter e, en boa medida, dunha economía na que o contrabando xogaba un papel esencial», di dende Montreal, despois de ter proxectado o documental en 23 festivais.

Pola súa banda, Cortizo estira os límites do xénero documental —ou, mellor dito, as fronteiras do festival— cunha curtametraxe de natureza alegórica, na que leva a súa vida familiar e as súas preocupacións ao terreo da ficción. «Apostei pola ficción porque o que ía ser o protagonista da curtametraxe, meu avó, faleceu. E quixen darlle outro rumbo. Pareceume o xeito de contar unha historia que se achegase máis ao que pasaba pola miña cabeza: explorar o mundo dos soños, dos medos...», di fronte ao cinema Batalha, no Porto. «Os dous últimos anos da vida do meu avó coincidiron cos dous primeiros do meu fillo e atopei moitos paralelismos, entre un home de 102 anos e un neno de dous. Aprender e desaprender. Coincidían moito no mundo dos medos e dos soños, que non se poden abordar nun documental», conta Cortizo, que recorre á técnica da audiodescrición —normalmente empregada coma adaptación aos públicos invidentes— para engadir un plano máis ao seu traballo. «Moitos soños non teñen imaxes, senón que apenas son sensacións, e me pareceu poético que fora unha persoa cega a que nos guíe nesta exploración». En apenas 20 minutos, o vigués configura un imaxinario propio no que se entretecen o territorio, antigos rituais e temas coma a masculinidade e os coidados para suxerir ao espectador máis preguntas que respostas.

Confluencias

Tanto Castiñeiras coma Cortizo poñen en valor «a fluidez e a conexión no que debería de ser unha continuación territorial», di o primeiro. «A fronteira sempre marcou moito, e festivais coma este están a facer un traballo fundamental para diluíla». Cortizo alude a unha «proximidade física e tamén creativa. Tanto Galicia coma o norte de Portugal viven nas marxes da industria do cinema. Se cadra, nós temos algo máis de financiamento e Portugal vai moi por diante noutros eidos. Pero se falamos do tecido creativo, hai unha xeración nova moi próxima», conclúe Cortizo.