O Atlantic Fest volve apostar polo «indie» internacional con Franz Ferdinand e Two Door Cinema Club
CULTURA
O festival, que terá lugar entre o 17 e o 19 de xullo en Vilagarcía de Arousa, confirmou tamén a presenza de Nacho Vegas e Carlos Ares
02 dic 2025 . Actualizado á 19:58 h.O xiro cara ao indie internacional dado polo Atlantic Fest na súa edición deste ano —na que actuaron Primal Scream e The Jesus & Mary Chain— confírmase cos primeiros grupos anunciados para o 2026. Os escoceses Franz Ferdinand e os irlandeses Two Door Cinema Club liderarán as xornadas principais do festival, que se celebrará entre o 17 e o 19 de xullo na praia da Concha de Vilagarcía de Arousa. Neste primeiro avance, o evento tamén confirma a presenza dun clásico do rock nacional, Nacho Vegas, e do artista galego do momento, Carlos Ares.
Franz Ferdinand actuarán o sábado 18. Trátase de todo un símbolo do bum dos festivais indie do arranque de século. O seu enérxico indie rock, con ritmos bailables e unha forte influencia post-punk, converteuse desde o seu primeiro álbum, o homónimo Franz Ferdinand (2004), nun son xeracional. Autores de Take Me Out, un dos grandes himnos daquela explosión, sempre destacaron polos seus directos potentes e festivos, como xa demostraron en visitas anteriores a Galicia. Esta vez farano como unha das principais estrelas do festival, presentando The Human Fear (2025), o seu último traballo.
Two Door Cinema Club chegaron uns anos despois e despegaron na década seguinte con Tourist History (2010), converténdose en habituais das sesións de club e nun dos nomes máis cobizados polos festivais europeos. Igual de bailables, o seu pop indie mira ao synth-pop e deixou temas como What You Know, Something Good Can Work ou Undercover Martyn, fixos nas playlists indies das plataformas. Eles serán, por agora, o grupo principal da xornada do venres 17.
Esta quenda de confirmacións inicial complétase con Nacho Vegas e Carlos Ares. O primeiro é un nome imprescindible na música nacional, que en 2001 abriu a fenda do cantautor independente, construíndo unha das carreiras máis apreciadas por crítica e público. Pola súa banda, Carlos Ares é un dos artistas do ano coA boca do lobo, un segundo álbum repleto de inspiración e cunha proposta moi persoal. Na actualidade, o seu directo é un dos mellores que se poden ver en España.
Entradas a prezo reducido durante 24 horas
As entradas poranse á venda o xoves 4 de decembro ás 9.00 horas, só a través da páxina web do festival, ao prezo de 65 euros (gastos de xestión e IVE incluídos) durante as primeiras 24 horas. Ao comprar o abono estarán tamén dispoñibles os suplementos de cámping e glamping.