Efectos búmerang

Juan L. Blanco Valdés

CULTURA

30 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Encántame a segunda acepción que, para pasmonear, trae o dicionario: «Permanecer quieto, sen facer nada e coma aparvado». Así, sen facer nada e coma aparvado síntome dende hai días, obrigado a un forzoso retiro por mor dunha baixa médica (nada de particular, non se preocupe vostede, moitas grazas polo seu afecto: unha cirurxía menor nun pé). O propio verbo pasmonear, derivado do fascinante substantivo pasmón, é unha delicada unha xema léxica. Pasmón e pasmarote (outra marabilla idiomática) existen tamén en español xunto co verbo pasmar, o cal, con todo, non chega ao significado devandito para o noso enxebre pasmonear.

Pois, por seguir, co divertimento filolóxico, eu propoño aos sisudos académicos que me estean lendo un neoloxismo: o deverbal pasmoneo: «acción e efecto de pasmonear» e, xa postos, entrando no terreo do social, ergo unha lanza por un dereito aínda non recoñecido no noso ordenamento xurídico: o dereito ao pasmoneo. Non. Non me refiro a unha baixa, nin a un permiso remunerado, nin aos «moscosos» tan apreciados polos funcionarios, nin ás consabidas vacacións: refírome ao puro pasmoneo, ao inalienable dereito á desconexión e a sagrada sensación do aburrimento (sen chegar, claro, aos extremos da acidia). Tiña eu un colega que, ás veces, en plena xornada laboral, era vítima dunha curiosa patoloxía. Dicíame: «Estame entrando o mal da cereixa: eu quero traballar e o corpo non me deixa». A esa negación anatómica e espiritual da actividade me refiro. Para unha sociedade enferma de hiperactividade, non facer nada convértese nun abismo ou vertixe, nunha alcoba escura e insondable.

A evidencia é que nunca dispuxemos de máis recursos tecnolóxicos contra este tan deostado fare niente. Eu proveño dun tempo en que o máis eran a radio e dúas cadeas de TV en branco e negro. Ben certo é que compensaba esta seca tecnolóxica xogando cos amigos a polis e cacos, latando clase ou nunha leira arreando couces a unha pelota de coiro. Hoxe, nesta monacal reclusión na que vexo pasar os días, dispoño dun ordenador, Internet, un móbil que almacena todas as marabillas do mundo e unha TV full HD con cinco mil canles. E dígolle unha cousa: ás veces opto, simplemente, por aburrirme. Será un efecto búmerang?