Joel Gômez: «Carvalho Calero merece ser recoñecido como produtor de artigos de opinión»
CULTURA
O xornalista analiza as publicacións do ferrolán sobre lingua en La Voz de Galicia
27 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.O 25 de xullo de 1945, o profesor, investigador e escritor Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago, 1990) publicaba en La Voz de Galicia o poema Ou trebo dás catro follas. Desde ese Día de Santiago ao 2 de decembro de 1989, pouco antes da súa morte, o autor de Scórpio asinou 236 traballos nas páxinas do xornal: 229 artigos, dúas poesías, dúas cartas ao director, unha tribuna pública e dous prólogos para libros, converténdose La Voz de Galicia na publicación na que fixo máis contribucións. A temática que abordou é moi ampla: literatura, efemérides, actualidade política, cultura e, non podía faltar, a lingua. Precisamente, este último foi o ámbito no que máis se centrou e no que agora pon o foco o xornalista e investigador Joel Gômez no seu estudo A produção jornalística de Carvalho Calero sobre política linguística: por um galego útil, rendível, económico e competitivo, publicado no Anexo VI do Boletim dá Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP), que conta na súa capa cunha ilustración de Siro López.
«Carvalho Calero hoxe é recoñecido como un grande estudoso e analizador da lingua galega, tamén como escritor, como político, como xurista... Iso está ben, pero tamén merece ser lembrado e recoñecido como produtor de artigos de opinión», reivindica Joel Gômez, apuntando que hai artigos que son «magníficos, extraordinarios e de gran acerto. Foi un adiantado ao seu tempo». Non é a única conclusión á que chega o autor despois de analizar as publicacións de Carvalho Calero en La Voz de Galicia. Tamén destaca «a actualidade da súa doutrina lingüística [reintegracionista] para defender e promover a lingua galega para conseguir o seu progreso e maiores usos nos ámbitos da súa vida pública». Nese sentido, Joel Gômez subliña que «todas as preguntas que nos podemos facer sobre o galego e a súa normalización están respondidas por Carvalho Calero no xornal».
No seu estudo, o investigador establece tres etapas diferenciadas para os máis de cen artigos sobre a lingua. Na primeira, entre 1945 e 1974, durante o franquismo, Carvalho Calero céntrase en defender o galego como lingua, non como un dialecto, ademais de reivindicar máis usos e lexitimidade para o idioma propio. No verán de 1975 iníciase a segunda etapa e nela incidirá na súa proposta reintegracionista. Comeza coa publicación de dous artigos que Gômez considera claves, e por iso aparecen reproducidos integramente na publicación dá AGLP: «Ortografía galega», que veu a luz nas páxinas de La Voz de Galicia ou 20 de xullo de 1975, e «Galego-portugués ou galego-castelán», publicado vinte días despois. No primeiro indica que para o galego «historicamente non habería outra ortografía que a inspirada no portugués». Nesta etapa o maior éxito foi a aprobación en 1980 por parte da Xunta das normas ortográficas para o galego. Na súa elaboración participara Carvalho Calero, que presidiu unha comisión de especialistas. Esas normas estiveron en vigor ata abril de 1983, momento no que se publican outras contrarias ás defendidas polo profesor, escritor e investigador ferrolán. A partir de aí empezaría a terceira etapa, con artigos que inciden na súa proposta reintegracionista. «Desde o xornal gañou varias batallas, como a galeguización de topónimos», lembra Gômez, apuntando que o que foi primeiro catedrático de Lingüística Galega da Universidade de Santiago empregou nalgúns dos artigos en La Voz a ortografía reintegracionista.
«Son un monumento á liberdade de expresión»
«Os traballos de Carvalho Calero en La Voz de Galicia son un monumento á liberdade de expresión; son dignos de ser estudados nas facultades de Xornalismo», afirma Joel Gômez. Entre outras cuestións, incide en que «falar durante o franquismo de que o galego era unha lingua e non un dialecto, e que un xornal se dedicase a publicar iso está ben». Engade que, se non fose pola dispoñibilidade do xornal para incluír eses traballos nas súas páxinas, «igual nunca se terían publicado e sería un patrimonio perdido moi importante». Tamén considera que para La Voz debe ser unha honra ter publicado eses artigos.
No estudo que forma parte do boletín da AGLP, Gômez profundou unicamente nos artigos centrados na cuestión lingüística, nos que tamén se pode apreciar a evolución do pensamento do autor de Scórpio. Non obstante, os 236 publicados nas páxinas de La Voz de Galicia dan para máis análises. «Hai tamén artigos de literatura que son fantásticos. Carvalho é un adiantado de literatura comparada de España [...]. Ademais, a maneira como pon en diálogo a literatura galega coa universal nas páxinas do xornal é excepcional», afirma Joel Gômez, e dá de exemplo como pon a dialogar a Cunqueiro con Shakespeare. Por iso, a súa intención é seguir traballando sobre esta produción de Carvalho Calero que viu a luz en La Voz de Galicia. Incide, ademais, en que o ferrolán deu nas páxinas do xornal moitas exclusivas das súas investigacións en lugar de incluílas en revistas científicas.