Lugo abraza a Paco Pestana cunha exposición inédita do seu legado: «É un creador inconmensurable, multidisciplinar, moi querido pola súa faceta artística, pero tamén humana»

Laura López LUGO / LA VOZ

CULTURA

Catro anos despois da morte do artista universal de Castroverde, O Vello Cárcere reúne 40 obras escultóricas surrealistas e «pegadas á terra» na mostra «Paseando cariñosas alimañas», comisariada por Cristina Carballedo

16 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Contaba o artista multidisciplinar Paco Pestana (Castroverde, 1949-Lugo, 2021) nunha entrevista en La Voz de Galicia que pensaba na morte todos os días, pero que, ao mesmo tempo, «teño a sensación de ser eterno». E o seu legado, non solo artístico, senón tamén humano, dá boa conta de que así é. Catro anos despois do seu repentino falecemento, a cidade de Lugo, un dos seus fogares, faille xustiza cunha exposición inédita do seu legado, Paseando cariñosas alimañas. A mostra poderá visitarse ata o 31 de xaneiro no Vello Cárcere, un lugar cargado de memoria e moi querido polo propio artista; de feito, mesmo o cartel anunciador da exposición é unha fotografía de Pestana desprazándose na súa inseparable bicicleta pola contorna deste edificio histórico, moi preto da zona da Mosqueira da Muralla.

O particular universo de Pestana queda así ao alcance do público, a través de corenta obras escultóricas do seu taller, que recorren o discurso expositivo deste creador versátil, que atopou na poesía e na escultura as súas principais canles de expresión. A comisaria da exposición, Cristina Carballedo, explica que o público poderá ver, entre a primeira planta, as celas de homes e as celas de mulleres, pezas de diferentes épocas, que parten da natureza como soporte material, a través da madeira e do realismo máxico, ademais de debuxos e poesía: «É unha obra moi pegada á terra, á identidade, chea de surrealismo, humor e dramatismo, de pezas que son case coma xoguetes... ademais desas alimañas ou animais que dan título á exposición».

A mostra leva máis dun ano xestándose, coma un traballo coral entre a propia Carballedo; a viúva e o fillo de Paco, Rita e Francisco, e a área de Cultura do Concello de Lugo. A comisaria expón a dificultade dun proxecto desta envergadura, ao tratarse dun artista universal e internacional, practicamente inabarcable: «É un creador inconmensurable, multidisciplinar, moi querido, respectado e admirado pola súa faceta artística, pero tamén humana». Para Carballedo, que coñecía e apreciaba fondamente a Pestana, este proxecto supón unha gran responsabilidade e compromiso tendo en conta que era un artista que «traballaba no proceso creativo desde o principio ata o final; el encargábase de todo, non só das propias obras, senón da montaxe, da elaboración do catálogo... Pestana ten moitas facetas como artista, pero agora queriamos destacar, sobre todo, o grande escultor que é», continúa. Por outra banda, o escenario elixido «tamén impón», explica Carballedo, pola memoria e o peso que ten. No caso de Pestana, ademais, ten unha especial connotación, pois foi nesa contorna onde nos anos setenta fixo unha exposición ao aire libre coa que iniciou a súa traxectoria, «deixando ao longo dos anos unha fonda pegada nesta cidade bimilenaria».

Participaron cerca de duascentas persoas no acto inaugural de Paseando cariñosas alimañas, unha aposta expositiva cuxo fío condutor é o propio Pestana, e da que se poderá gozar a través de visitas libres ou guiadas.

Un artista internacional que foi lexionario e mineiro

Paco Pestana chegou a este mundo na aldea de Peredo, na parroquia de A Frairía, no municipio lucense de Castroverde —onde foi nomeado fillo predilecto—, e nese universo rural é onde atopou parte da súa inspiración. Despois de viaxar por Madrid, Barcelona, Andalucía e diferentes países de Europa e do resto do mundo, e tras desenvolver todo tipo de traballos —desde lexionario no Sáhara a mineiro, pasando por lavacoches ou cooperativista agrario—, instalouse en Lugo nos anos setenta, dedicándose en exclusiva á profesión artística e converténdose nun referente do panorama artístico da segunda metade do século XX.

De formación autodidacta e vocación transgresora e provocadora, Pestana preséntase coma un ser atípico e difícil de clasificar, pero coherente, tanto na súa traxectoria vital coma profesional. Perspicaz e lúcido, inseparable do humor e da ironía, fixo do amor e da liberdade a súa bandeira: «Paco Pestana é un artista que transcende a súa propia obra, universal, filósofo de vida... como el mesmo se define, ‘escultor, poeta, polemista, showman, contador de historias, fabulador, filósofo da vida e mentor creativo do máster internacional de creatividade’», segundo engade Cristina Carballedo.

E cidade que o viu medrar como artista réndelle agora unha homenaxe coa mostra Paseando cariñosas alimañas, pero a súa pegada segue nas rúas a través de obras que se reparten polo parque de Frigsa, a Praza Roxa de Fingoi, o Carril dos Indios, Lamas de Prado, os xardíns do Museo Provincial ou a estación de autobuses. A súa última obra, na que estaba traballando cando o sorprendeu a morte, titúlase Primitivo das Raposeiras e descansa no espazo agro-pop que el mesmo confeccionou con esculturas de madeira policromada.