
A compañía pública estreará tres producións propias con trinta artistas
04 sep 2025 . Actualizado a las 04:55 h.«O teatro, punto de encontro». Baixo ese lema, que invita a compartir «tempo, preguntas, emoción», inicia o Centro Dramático Galego (CDG) unha tempada 2025/26 na que participará en catorce montaxes: tres delas serán producións propias, mentres que as once restantes son coproducións con outras formacións, tanto galegas coma de fóra, con especial presenza de entidades de Portugal. A iso engadiralle o apoio á dramaturxia, así como a publicación de sete textos para «conservar a memoria do teatro». Ademais, manterá a aposta por achegar a cantos máis lugares sexa posible a compañía pública galega. Para iso prevé máis de 150 funcións fóra da súa sede do Salón Teatro en Santiago, que onte serviu de escenario para a presentación do curso reunindo representantes do sector escénico, de Administracións e de entidades implicadas na programación. «Estamos ante un reto marabilloso porque van ser catorce producións e máis de setenta actores e actrices implicados», dixo o titular de Cultura, José López.
Esta programación, «diversa, plural e ampla, para diferentes públicos, con distintas ideas e liñas de traballo», como definiu o director do CDG, Fran Núñez, arrancará o vindeiro xoves coa estrea en Santiago da primeira produción propia da compañía pública, A serie clopen. Baixo a dirección de Pablo Reboleiro, emprega o circo, a comedia e as matemáticas para falar do presente.
As outras dúas producións propias do CDG chegarán xa no 2026. En xaneiro estrearase a revisión teatral do libro Memorias dun neno labrego, no décimo aniversario do pasamento do seu autor, Xosé Neira Vilas. Da dirección e adaptación do texto encargarase Cándido Pazó. Xa en marzo será a quenda do clásico universal Hamlet, de Shakespeare, da man de Tito Asorey na dirección. Entre as tres producións propias suman trinta artistas no elenco.
En canto ás coproducións do CDG, a primeira, da man de Ancoraxe e Vórtice Escénico, chegará o 26 de setembro en Ribeira. Trátase de Heroes en decembro, que aborda a saúde mental. Ao día seguinte, no FIOT de Carballo, poderá verse por primeira vez Berenguela na gaiola, por Galeatro e Xarope Tulú. A peza toma como referencia unha obra de Manuel María e conta con Paula Carballeira na dirección e dramaturxia. Non será a única coprodución na que participe a polifacética creadora, xa que o 22 maio estreará o Somos monstros, neste caso coa participación de Berrobambán e compañías lusas. «Son dúas pezas que inciden na ampliación de públicos, na diversidade, no compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura», afirmou Carballeira.
A regueifa e José Afonso
En outubro, estrearase Territorio regueifa tamén no FIOT de Carballo, coa participación de Ainé. Xa en novembro será a quenda dunha peza creada xunto con entidades lusas centrada nos dous últimos concertos ofrecidos polo cantautor portugués José Afonso.
En maio, en coprodución con Redrum, sobe ás táboas, A furia da amanita, que pon en escena a peza de Santiago Cortegoso gañadora da bolsa de dramaturxia do CDG. O autor reivindicou a importancia de manter este tipo de apoios á creación. «Necesitamos estes espazos», insistiu. Tamén en maio chegará A fortaleza, coa participación de A Feroz e o Festival Fitei do Porto. Nesa recta final estrearase, ademais, Black Box, da man de Hugo Torres, a Cidade da Cultura e o Fitei; así como Os pasadores, con Rota Clandestina, Pirilampo e a Asociação Cultural Prado; a peza que se impuxo no concurso Xuventude Crea; e Ensaio técnico, coa participación de alumnado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
A responsable da área de Normalización Lingüística do Concello de Ribeira, Alicia Padín, animou ao CDG durante o acto a continuar cos autobuses para achegar o teatro. Ademais, lembrou que o «teatro é parte da conciencia social».