Branca Vilela: «Temos un patrimonio inmaterial que é o que hai que dar a coñecer»
CULTURA

Presenta este venres na súa casa, Fisterra, a novela xuvenil «Ultreia no Camiño Inglés»
11 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.As citas cos libros serán abundantes estes días na Costa da Morte. Está en marcha a Praza dos Libros de Carballo, mais non só: o salón de actos do Concello de Fisterra, mesmamente, acollerá na tarde (20.00 horas) deste venres a presentación de Ultreia no Camiño Inglés: a misión do Ara Solis, da fisterrá Branca Vilela (1964), pluma sempre activa. Nun horizonte próximo ten o lanzamento dunha novela de humor negro, O morto era o de menos, e un poemario dedicado á súa nai.
—Lanza novela infantil e xuvenil. Un público esixente.
—Así é, dáme respecto, é unha incursión atrevida, ousada, pero algo que tiña en mente facer hai xa tempo.
—O seu nome lévanos a poemarios intimistas. Supón unha viraxe na traxectoria?
—Éo, pero vén de moi atrás. A idea dun conto vén mesmo de cando os meus nenos eran pequenos, e eu en realidade sempre fun de narrativa, o conto sempre estivo aí. Vivir del non estaría mal [ri].
—Os seus primeiros premios chegaron, de feito, de nena.
—Hai un don co que se nace, que despois vas ampliando con coñecementos e técnicas que adquires. Neste caso falamos dunha novela complexa, os rapaces son esixentes, e eu tamén o fun comigo.
—Canto de importante é achegar os libros aos nenos?
—Éo todo, para min esa é a máxima, e é no eido da casa onde se adquire o hábito. O mellor que fixen no mundo, creo, foi que os meus fillos tomasen ese hábito xa dende nenos. O que le... viaxa, medra. Non podemos deixar esta responsabilidade só nos colexios. Nestes mundos de dixitalización e conexión, é moi necesario o libro, como unha volta atrás, á lectura. Cada vez van saíndo máis autores, vemos esa necesidade.
—«Ultreia no Camiño Inglés» ten como personaxe central unha vieira, Ultreia. Conte.
—Si. No inicio está moi tranquiliña nunha praia do Fisterra francés. Quería escribir unha novela que tivese moito contido, quería que os novos lectores soubesen das nosas lendas, das nosas historias, como se formou e por que é tan importante o Camiño. Cando vivía en Sardiñeiro pasaban pola porta da casa moitos peregrinos, os meus fillos conversaban con eles, aquilo impactoume, e de aí veu esta inquedanza. Temos na Costa da Morte un patrimonio inmaterial que é o que hai que dar a coñecer. Non esquecer que nos pasou. Tamén na obra está a importancia dos avós, das avoas...
—E a amizade, a ecoloxía, a esperanza, o ser diferente. É unha temática transversal.
—Exactamente, iso é.
—Ilustracións dobres, Miriam Vilamar e Carlos Canedo.
—Todas teñen un porqué, están inspiradas na miña contorna próxima, dende familiares ao can Patuco, que introduce na obra o coidado dos animais. Incluso os nomes teñen relación persoal. Na novela está Fisterra, Duio, Muxía, Dumbría, o Vákner...
—Une peregrinación e mar.
—Non podía ser doutro xeito. Son filla, neta, bisneta, irmá de mariñeiros, toda a miña familia. Eu son mar. Como boa peregrina, a vieira Ultreia tamén fará agora o Camiño Inglés. Hai contactos para presentar a obra na Coruña, Ferrol, Santiago...
—Publica con Sial Pigmalión.
—Xa case podo dicir que é a miña editorial de cabeceira, cun grupo que aposta moito pola literatura en galego. Realizan congresos, simposios... estes días un sobre Valle-Inclán en Vilagarcía de Arousa.
—Firmou a nova obra na Feira do Libro de Madrid. Foi ben.
—E tanto! Concedéronme o premio Escriduende ao mellor libro infantil de Sial.