
Os textos seleccionados aparecerán en agosto nas páxinas literarias do xornal
06 jul 2025 . Actualizado a las 10:02 h.La Voz de Galicia aposta por levar á cidadanía o gusto pola creación literaria. É así, un ano máis convoca o popular concurso Relatos dos Lectores —e con esta xa van 26 edicións—, unha iniciativa que dá cabida e pulo ás inquedanzas artísticas dos seus lectores. Durante o vindeiro mes de agosto, o xornal publicará unha selección dos textos enviados polos participantes, afeccionados a narrar que ademais optarán a gañar un premio, do que se fixan dúas categorías: unha para menores de 15 anos e outra para os que superen esa idade, de dezaseis en diante.
Para os menores de 15 anos o galardón será un libro electrónico, mentres que para os que teñan 16 anos ou máis a recompensa será un bono para unha estancia dunha noite para dúas persoas nun establecemento OCA Hotels de Galicia ou Asturias en habitación dobre en réxime de aloxamento e almorzo.
Na 26.ª edición dos Relatos dos Lectores a mecánica do certame mantense nos termos de anos anteriores. Poderán participar todas as persoas que o desexen, con relatos escritos en galego ou en castelán, sempre que estes sexan inéditos.
Terán de respectar ademais unhas condicións técnicas: non deberán exceder as 25 liñas mecanografadas de corpo 11, o que equivale a uns 2.100 caracteres con espazos incluídos. Os orixinais haberán de enviarse acompañados cos datos do autor —idade, nome, DNI, enderezo, teléfono, profesión e, a ser posible, unha breve nota biográfica e unha foto de tamaño carné— e co texto en soporte informático. Os de autores menores de 14 anos deberán ser remitidos polos seus pais ou titores legais, debidamente autorizados e cos seus propios datos.
As obras deben enviarse á dirección de correo postal «26.ª edición dos Relatos dos Lectores de La Voz de Galicia (Premio dos Lectores). Avenida da Prensa, parcelas 84-85. Polígono industrial de Sabón. 15143 Arteixo. A Coruña», ou ao correo electrónico relatos@lavoz.es. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de xullo.
Votación por cupóns
Un xurado seleccionará de entre todos os recibidos os relatos que se publicarán durante o mes de agosto nas páxinas de La Voz de Galicia e mais na súa edición dixital. Serán despois os lectores cos seus votos quen determinen os gañadores de cada categoría.
Para proceder á votación, o xornal La Voz de Galicia publicará nas súas páxinas os cupóns cos que os lectores poden elixir as súas pezas favoritas e que deben remitir ao periódico. Só se admitirán os votos recibidos en cupóns orixinais. Non se admitirán fotocopias, como tampouco computará o sistema de valoración mediante estrelas na edición dixital. Os autores gañadores daranse a coñecer nas páxinas de La Voz durante o último trimestre do ano.
As bases completas están a disposición dos lectores que as queira consultar na edición dixital de La Voz de Galicia, no enderezo www.lavozdegalicia.es/cultura.