Lois Patiño e Oliver Laxe encabezan o festival Curtocircuíto, que volve ás rúas

CULTURA

O certame compostelán comezará o día 1 coa estrea estatal de «Ariel»
25 jun 2025 . Actualizado á 22:49 h.No verán e sacando o cinema ás rúas de Santiago. O festival Curtocircuíto volve ás súas orixes nesta 22.ª edición e deixa o outono habitual nos últimos anos para procurar un encontro da creación coa veciñanza do 1 ao 6 de xullo. «O que queremos é facer un festival máis accesible», resaltou Pela del Álamo, director artístico desta cita na que o cinema seguirá estando na cerna.
Será unha edición chea de novidades, xa que ademais do cambio de datas, tamén se inclúe por primeira vez a entrega dun recoñecemento especial, o Curtocircuíto Atlas, para distinguir as filmografías innovadoras e arriscadas. Neste caso, recaerá na directora nacida en Francia e criada en Marrocos Lucile Hadzihalilovic, que «aglutina risco formal, temas complicados e tratados con innovación formal».
Ademais de Hadzihalilovic, dous nomes propios destacan na programación: os cineastas galegos Antón Patiño e Oliver Laxe. Precisamente, Curtocircuíto alzará o pano o vindeiro día 1 de xullo na praza da Quintana coa estrea estatal de Ariel, o último filme de Patiño que chega co aval de ser seleccionado en certames internacionais como o IFFR, en Róterdam; o FICCI, en Cartaxena de Indias; e o BAFICI, en Bos aires. Pela del Álamo agradeceu a Patiño e a todos os responsables deste filme a selección de Santiago para a estrea «rompendo con todos os modelos estándares».

Tres días despois, ao mesmo escenario, a praza da Quintana, e tamén con acceso gratuíto, chegará Sirât. Pero non se proxectará o filme que obtivo o Premio do Xurado en Cannes, senón que haberá un espectáculo audiovisual en directo. Ao seu director, Oliver Laxe, úneselle Kangding Ray, o autor da banda sonora do filme, que tamén foi distinguida cun premio no festival francés. A partir das imaxes que foron rodadas para ese trance no deserto, elaboraron Sirât Ao vivo Soundtrack AV, que tamén conta coa participación do cineasta burelés Adrián Canoura. Antes, tanto Kangding Ray como Oliver Laxe ofrecerán unha charla no Teatro Principal sobre o proceso de creación da banda sonora.
Entre as propostas destacadas desta edición tamén se atopa a sesión expandida de Brais Revaldería sobre Fillos do vento, un proxecto híbrido que transita entre o cinema e a instalación centrado na rapa das bestas e que foi estreado en Cannes. Neste caso, o cineasta galego, ademais de profundar no proceso creativo da obra que se move entre o filme narrativo e a instalación inmersiva, ofrecerá unha versión inédita e exclusiva de Fillos do vento: un documental de 25 minutos.
O festival tamén acollerá un encontro co cineasta Guillermo Galoe e a produtora María López sobre a súa experiencia rodando durante cinco anos Ciudad sen soño na Cañada Real, en Madrid. Tamén destaca a presenza da fotógrafa Laia Abril, Premio Nacional de Fotografía 2023, que presentará o seu último proxecto, On Mass Hysteria, no que continúa a súa investigación sobre a violencia estrutural exercida contra as mulleres.
Entre todos estes nomes e actividades non hai que esquecer tampouco nin as seccións competitivas nin as paralelas de Curtocircuíto centradas nas proxeccións de filmes. No caso de Cosmos, a sección oficial, contará con 22 filmes procedentes de 17 países, como é o caso de Reino Unido, Suíza, Austria, Estados Unidos, Chile, Australia, Italia, Croacia e Canadá, entre outros.
Pola súa parte, a creación galega terá como espazo de encontro Planeta GZ, que inclúe once filmes, así como Supernova, onde se poderá ver dez traballos dos creadores máis emerxente. Pola súa banda, a sección Terra estará dedicada a Adrián Canoura, cineasta e artista visual. As entradas para asistir xa están á venda a través da web de Compostela Cultura.
A concelleira da área cultural compostelá, Míriam Louzao, animou á cidadanía «a participar na anovada edición» durante a presentación na que tamén participou Natividade González, da Deputación coruñesa.