O percorrido vital de Castelao, en 20 viñetas inéditas de Siro López para o EMHU

Alejandro García Chouciño
a. g. chouciño A CORUÑA

CULTURA

A vida de Castelao, en viñetas de Siro López. 16 das 20 que compoñen o cartel do EMHU 2025
A vida de Castelao, en viñetas de Siro López. 16 das 20 que compoñen o cartel do EMHU 2025

O festival poñerá en valor en A Coruña a faceta humorística do político e escritor galego

27 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O martes, ás 19.30 horas, a sede da Afundación na Coruña acollerá unha das citas máis didácticas do Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) 2025: «Castelao na arte europea», unha conversa a dúo entre o veterano debuxante de La Voz de Galicia Siro López e a profesora de Filoloxía da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez. A sesión, que promete mesturar ilustración, análise literaria e moito humor, estará centrada nunha figura imprescindible da cultura galega e europea: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

O punto de partida será o cartel con 20 viñetas creado expresamente por Siro para o EMHU. Máis que un simple soporte gráfico, trátase dunha minibiografía visual pensada para o público máis novo, coa intención de achegarlles, a través do humor e da ilustración, os momentos máis relevantes da vida de Castelao. Dende a súa chegada á Universidade de Santiago —onde xa destacaba pola súa comicidade e creatividade artística— ata o seu exilio e a súa loita pola autonomía galega, estas viñetas narran un percorrido vital comprometido, brillante e cheo de ironía. «Podería escoller outros vinte, pero estes parécenme os máis significativos», confesou Siro.

Colocalo onde corresponde

A intención é poñer en valor a dimensión humorística de Castelao, unha faceta que, segundo denuncia Siro, segue sendo secundaria nas análises habituais sobre a súa figura. «Castelao non se pode entender sen o humor. Foi un ser humano profundamente ético e profundamente humorista. O humor estaba presente en todas as etapas da súa vida», afirmou con convicción.

En palabras de Siro, é unha forma de homenaxe e de reparación. Un xeito de volver colocar ao Castelao humorista no lugar que lle corresponde, especialmente nun contexto no que, segundo el, a mocidade galega descoñece cada vez máis a historia do galeguismo e das súas figuras clave.