Os escritos de Malena Castiñeira e Lucía Atrio impóñense no concurso Relatos de Verán

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Lucía Atrio con el delegado de La Voz en Santiago, Ignacio Carballo
Lucía Atrio con el delegado de La Voz en Santiago, Ignacio Carballo SANDRA ALONSO

As gañadoras nas dúas categorías do certame recollen os premios que conceden os lectores de La Voz

05 jul 2025 . Actualizado a las 22:20 h.

Os relatos de Malena Castiñeira Franesqui e Lucía Atrio Rey impuxéronse na edición do 2024 do concurso Relatos de Verán, que cada ano convoca La Voz de Galicia. A primeira triunfou na categoría para maiores de 16 anos con Algo para pensar, peza publicada no xornal o 21 de agosto e que compuxo, precisamente, con 16 anos. A segunda gañou no apartado dedicado aos menores desta idade con Adeus en Auschwitz, aparecida nas páxinas estivais do diario do 17 de agosto e que escribiu con só 14 anos.

Relatos de Verán non foi para Malena Castiñeira (Liáns, Oleiros) o primeiro encontro co éxito literario. Xa tiña obtido un premio nun certame de narrativa breve de Pontedeume e algún máis no instituto no que cursa seus estudios. En Algo para pensar, co que acadou a distinción dos lectores e o premio dun bono de aloxamento de Oca Hotels, esbozou seu particular «punto de vista sobre el paso del tiempo», meténdose na pel dun home maior «que ha vivido mucho», que acumula «experiencias» e que, sentado nun banco na beira do mar, deixa aflorar «sus recuerdos», retrotraéndose ata a nenez.

Castiñeira, que se confesa «muy contenta» co galardón logrado, explica que non segue una liña de traballo concreta á hora de escribir: «Depende un poco de lo que me pase en cada momento», detalla. Gran afeccionada á lectura, esta moza oleirense cita entre as súas referencias literarias á escritora gaditana Elvira Lindo.

Lucia Atrio Rey recibe o seu galardón de mans de Ignacio Carballo, delegado de La Voz de Galicia en Santiago.
Lucia Atrio Rey recibe o seu galardón de mans de Ignacio Carballo, delegado de La Voz de Galicia en Santiago. Sandra Alonso

En canto a Adeus en Auschwitz, di Lucía Atrio que é o froito de dúas das súas paixóns: a escritura e a historia. O relato naceu moito antes de que a rapaza —que cursa 3.º de ESO no IES de Ames— decidise envialo ao concurso de La Voz. «Teño unha materia na que se fala sobre os dereitos humanos e, ao final do curso pasado, tivemos que facer un proxecto que consistía nun relato», detalla. Foi daquela que tomou a decisión de crear algo relacionado con Auschwitz. Tendo en conta que seu pai visitara o infausto lugar, aproveitou para preguntarlle por detalles «que só coñeces se vas alí», e aos que sumou un importante labor de documentación. De aí, por exemplo, que a protagonista se apelide Nadjari, evocando deste xeito o dun recluso que escribiu cartas desde o lager e as agochara nun monte próximo ao campo de concentración. «Crin que debía poñerlle ese apelido en memoria dese prisioneiro», argúe.

Non esquecer Auschwitz

Ese relato que formaba parte do traballo académico decidiu envialo ao concurso de Relatos de Verán unha vez realizadas as modificacións necesarias para adaptalo ás bases do certame. «Parecíame unha historia curiosa e que podía ser interesante para que non se esqueza o que pasou en Auschwitz», afirma. Foi esta a primeira vez que se presentou ao certame literario de La Voz, e «o resultado non puido ser mellor». O galardón, afirma, anímaa ademais a seguir tentando facer cousas no mundo da literatura: «Cando o recibín, sentinme moi feliz e dáme impulso para continuar escribindo porque gañar un premio non é fácil. Despois do traballo e o tempo que lle dediquei, sentinme moi orgullosa de que gustara».

¿Pero aspira a ser escritora nun futuro? «Tamén me gustan outras cousas, pero o que sei é que non vou deixar de escribir porque axúdame a expresar o que penso, as historias que creo na miña mente. Gozo escribindo», confesa unha xove que desfruta especialmente a lectura de libros de ciencia ficción e de misterio.