O paseo marítimo nAs Xubias, á espera de desatascar o convenio con Ginkgo

David García A CORUÑA / LA VOZ

CULLEREDO

MARCOS MÍGUEZ

O goberno local estuda as alegacións ao texto, que dará continuidade ao tramo que fará o Estado

14 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O tramo de paseo marítimo que o Goberno central fará nos terreos da antiga conserveira Celta e baixo a ponte da Pasaxe ata conectar con Culleredo suporá un avance nunha zona que agarda completar a súa senda polo bordo da ría desde que se empezou a traballar niso no 2008.

Ata hai 13 meses, un dos maiores obstáculos era a presenza do poboado chabolista, pero a súa erradicación e a adecuación do terreo serviu para achandar o camiño para que os coruñeses e os veciños da área metropolitana conten cunha infraestrutura ao bordo da ría.

A creación dun percorrido de 463 metros cun ancho de tres metros para cada un dos carrís bici —ademais de espazo peonil—, irá acompañada dun peitoril que protexerá da pleamar e ante un previsible aumento do nivel da auga. Esta actuación, aínda sen prazos, acondicionará unha pequena zona desta parte do litoral, pero aínda quedará ao redor dun quilómetro e medio ata completar o paseo marítimo ata a zona da praia de Oza.

Para este tramo a situación é máis complexa, xa que depende do proxecto que Ginkgo Advisor levará a cabo para a rexeneración dAs Xubias baixo o liderado do arquitecto británico David Chipperfield. 

Un plan específico

O plan inclúe unha vertente residencial coa creación de 251 vivendas na zona, pero tamén o acondicionamento de espazos para unha senda litoral, áreas con vexetación e arboledo, a recuperación de elementos patrimoniais e incluso algún equipamento. O paseo para peóns e ciclistas percorrerá todo o bordo litoral, perou terá que adaptarse ás particularidades dos diferentes espazos que hai neste quilómetro e medio.

O proxecto aínda se atopa nunha fase inicial administrativa, xa que o Concello está a estudar as alegacións que se presentaron ao convenio aprobado en xullo do ano pasado. Ademais disto, tamén será necesario aprobar en pleno un plan parcial ou especial para o desenvolvemento da zona, para o que necesitará o apoio da oposición, que ata o de agora se mostrou contraria á iniciativa.

«Negociaremos cos grupos municipais para avanzar no proxecto das Xubias, estudando as alegacións presentadas», explican fontes municipais. Por agora, non hai datas concretas para o plan e a novidade máis recente foi a derriba da antiga discoteca Pachá en marzo, ao que se sumarán outras construcións proximamente.

A alcaldesa, Inés Rey, destaca o traballo coordinado xunto ao Gobierno central dando «pasos esenciais» e lembra que foi durante o seu mandato cando se «puxo fin a catro décadas da conservera Celta, liberando eses terreos para uso e disfrute de todos os cidadáns». «Agora toca recuperar a liña de costa e seguir aportando calidade urbana e servizos a esta cidade», afirma a rexedora.