
Os sindicatos denuncian obstrución da patronal
20 ago 2025 . Actualizado á 20:39 h.Traballadores de hostalería de toda a provincia concentráronse este mércores fronte ao peirao de Calvo Sotelo da Coruña para protestar polo bloqueo desde maio do convenio de hostalería, que afecta a máis de 20.000 persoas. A mobilización foi convocada polos sindicatos CC.OO., UGT e CIG, que acusan á patronal de «unha actitude obstrucionista e prepotente, que non só se nega a ofrecer melloras senón que pretende recortar dereitos laborais».
Os manifestantes reuníronse na entrada do peirao baixo unha pancarta conxunta coa proclama «Non á escravitude na hostalaría». Denunciaron que a súa situación é aínda máis desfavorable se se teñen en conta os ingresos crecentes do sector grazas ao turismo e o aumento do custo de vida nos últimos anos.
José Mirás, responsable de hostalería en Galicia de CC.OO., indicou que presentaron unha plataforma negociadora con dúas pretensións, «mellorar as condicións laborais e atender unha reivindicación da patronal, que non atopaba traballadores».
Con todo, cando sentaron a negociar atopáronse con que «as propostas eran inasumibles para a patronal», que pretende eliminar o complemento por incapacidade temporal (IT), que garante o 100% do salario durante o período de baixa.
Os traballadores reclaman salarios dignos, condicións laborais que respecten a saúde —«Queremos traballar sen enfermar», oíuse entre os asistentes—, xornadas xustas e conciliación real.