Carmen Ferreiro: «É unha época de cambios, dá vertixe; 180 anos, pero coidado!»

A CORUÑA

MARCOS MÍGUEZ

O centro provincial naceu na Primeira República con fondos de conventos

13 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

De nena quería ser arquitecta, ata que descubriu «que non facía unha liña recta». Pero agora traballa rodeada de libros, á fronte da Biblioteca Provincial da Deputación, «a biblioteca do Rosalía, dinos a xente», nun solleiro despacho con vistas á dársena coruñesa. Carmen Ferreiro (Ordes, 1969) é a directora hai tres anos.

—A Biblioteca cumpre 180 anos. Moita xente non saberá que é tan antiga.

—Non, non. Vén dos anos da Primeira República, das desamortizacións que se facían a conventos e mosteiros. Dos 25 que se desamortizaron naquela época, o fondo fundacional corresponde só a tres. Unha parte quedou, outras pasáronse a Santiago... e despois hai moito amigo do alleo, e foron desaparecendo. Estamos a falar de mediados do século XIX. Durante moitos anos estivo sen organizar, que é o que di o antigo bibliotecario, que fixo un inventario sobre o tema. E cando se pediu por parte dun ministerio, dixeron: «pero aquí hai unha biblioteca!». Empezaron a mirar e estaba metida en sotos... Entón, oficialmente, o 22 de decembro de 1845, é cando a biblioteca figura como tal. Hai un documento que fala un pouquiño sobre as normas de uso, cousa moi lixeira. Pero destacamos que tamén hai xente con moito nome que se molestou por ela, entre eles Emilia Pardo Bazán, que lle deu un empuxón. Temos libros dedicados manuscritos por ela. E logo hai outros nomes, como Manuel Murguía, que foi arquiveiro bibliotecario da Deputación.

—E como van celebrar este aniversario?

—Imos darlle unha volta e redirixir un pouco os esforzos, o noso obxectivo agora é saír máis ao resto da provincia. Xa é un centro de cabeceira para a propia Deputación e para a provincia en patrimonio bibliográfico. Aprobamos unha carta de servizos dirixida á provincia, queremos poder levar a outros concellos actividades que estamos facendo aquí, levarlles un pouco de soporte técnico, asesoramento. Contamos tamén coa gran colección que hai aquí, queremos dedicar tamén un espazo para a provincia, ser como un punto de referencia de cara ao investigador da provincia. É unha época de cambios moi grande, estamos a punto de cambiar tamén o sistema de xestión bibliotecario. Dá vertixe, 180 anos, pero coidado!

—Se falamos das actividades que organizan na Coruña, algunhas das que están dirixidas aos nenos teñen un éxito enorme, é dificilísimo atopar praza!

—Si, si. Pero con esas actividades o que nos piden é saír, tamén. Igual que outras moitas cousas que estamos facendo. Empezamos hai tempo coa plataforma de libros dixitais, que está medrando como a espuma, temos cada día máis altas e máis préstamos. E vai ligado aos clubs de lectura, que tamén son en formato dixital.

—Agora mesmo hai máis préstamo dixital que físico?

—Diríache que si.

—Lemos o mesmo tipo de libros nos dous formatos?

—Si, máis ou menos. A xente le moita novela. Hai tempadas que pode cambiar un pouco de xénero, ou podemos falar de usuarios máis concretos que están orientados a libros máis científicos, pero a xente decántase moito pola novela. E cómic! Penso que se tes que estudar ou investigar, é moito máis cómodo, de momento, o papel.

—Hai moito moroso?

—A ver, cando empezas a mirar paréceche unha barbaridade pero non, son poucos. Poden ser morosos dun día, dous... aínda que algún vén que lle falta facer o haraquiri cando entra pola porta [ri]. Enviamos as nosas reclamacións e funcionan. Os usuarios que temos que dar de baixa é un mínimo, moi pouco.

«O meu libro favorito é unha edición de “Poeta en Nueva York”»

Nas salas do edificio do Rosalía gárdanse uns 300.000 volumes, algúns deles valiosísimos e moi antigos.

—Todo se pode prestar?

—Non. Pero como explicamos nas visitas, todo o que está na biblioteca pódese consultar. Temos tres doazóns que aínda non estás procesadas. Non todo se pode levar en préstamos nin todo se pode consultar a calquera hora do día. Está ese fondo fundacional, ou a colección de partituras, un montón de cousas que non están para consultas en sala. Temos cita previa desde a pandemia, mantivémola porque así sabemos que se ven un investigador é unha prioridade, e así funcionamos.

—E cales son as xoias da biblioteca?

—Hai varias. Temos un incunable, é un libro sobre cidades moi bonito, con ilustracións feitas con xilografía. Ás veces levantas unha folla e aparece unha xoia da literatura galega. Tamén os manuscritos de Pardo Bazán sobre Rosalía, que saíron para unha exposición na Biblioteca Nacional. Temos dous exemplares dedicados por Lorca a Martínez Barbeito. Son Canciones e o Romancero Gitano, cunha dedicatoria moi bonita: «a mi amigo Carlos Martínez Barbeito, que me regaló un Santiago». E a nosa gran colección de partituras, que moitas veñen dos fondos da familia de Canuto Berea. Non me fagas escoller! Pero o que máis me gusta non é precisamente ningún destes...

—E cal sería?

—Unha edición de bibliófilo de Poeta en Nueva York, de Lorca, nunha caixa de metacrilato, con gravados orixinais de Eduardo Naranjo. Non é un libro de peto! Aínda que tamén temos unha miniatura, o Libro de horas de Felipe II, unha edición facsimilar metida nun estoxo de prata.