
O documento resalta a importancia do espazo marítimo e as enerxías renovables, a competitividade portuaria ou a descarbonización do transporte marítimo
01 jul 2025 . Actualizado á 18:10 h.O Instituto Universitario de Estudos Marítimos da UDC presentou este martes a cuarta edición do Anuario de Estudos Marítimos. Con iso, a obra consolídase como referente interdisciplinar na análise dos retos actuais do ámbito, abordando unha selección de estudos e reflexións profesionais focalizadas na sustentabilidade e na economía azul, pero cunha perspectiva centrada no dereito, a economía e a náutica. De acordo cos seus promotores, búscase ofrecer «unha visión completa dos desafíos que afronta o sector marítimo, así como contribuir ao deseño de propostas innovadoras para o seu desenvolvemento sostible».
Na presentación do novo volume, participaron o reitor da UDC, Ricardo Cao; a directora do Instituto Universitario de Estudos Marítimos, Isabel Nuevo Corti; e a codirectora da publicación, María José Rodríguez Docampo.
Esta nova edición analiza temas de actualidade mediante achegas de especialistas de nove universidades e centros de excelencia internacional. Rodríguez Docampo sinalou o impacto desta apertura non só polo incremento da diversidade xeográfica e temática, senón tamén pola incorporación de «valiosas visións comparadas, especialmente en temas como gobernanza marítima, sustentabilidade e dixitalización do sector».
Cao destacou tamén o traballo realizado que, segundo afirmou, «trata unha temática de grande impacto no noso día a día, especialmente en momentos de incerteza xeopolítica internacional como a que estamos a vivir nestes últimos anos, que xeran preocupación e impacto na economía global e local».