0003_201803201803171521312886217

Os cambios iluminan ao Lugo contra o Alcorcón

CDLUGO

Alberto López

Remontou tras unha mala primeira parte cos goles de Albarracín e Barco

17 mares 2018 . Actualizado ás 21:04 h.

Outra remontada épica do Lugo en casa. Empezaban por detrás no marcador, sufrindo sen balón e dando unha mala imaxe ante a súa afección. Rexurdiron como ave Fénix a través dos cambios na segunda parte. Máis seguros atrás e máis intencionados arriba, Albarracín de volea e Mario Barco de cabeza dábanlle a volta ao marcador e ataban tres puntos de vida para pelexar pola zona alta.
Tres cambios por equipo no céspede do Anxo Carro. Francisco tiña dous forzados polas baixas de Bernardo e Fede Vico por sanción, a maiores modificou o pivote. As súas novidades: Luis Muñoz, Jaime e Azeez. Julio Velázquez apostou por un sistema 4-4-2 e introduciu a Errasati, Bruno Gama e Asdruval.
Máis profundo o Alcorcón nos primeiros minutos, utilizaba ao ex branquivermello Álvaro Pena como estilete. De parella de Asdruval na delantelra, protagonizou as primeiras chegadas do seu equipo e foi un dos máis desequilibrantes. O Lugo apurando as súas opcións a balón parado. Iriome tivo unha chegada perigosa, tras condución de Seoane polo medio. Abriu o mediocentro, pero o canario non atopou o xeito de culminar nin de que o fixese ningún compañeiro. 18 minutos corrían na primeira parte e as porterías de Casto e de Juan Carlos seguían a ceros. Foi Dorca o que adiantou aos amarelos, fíxoo case dez minutos despois, cun cabezazo desde o corazón da área que lle servía Pena aberto desde a banda. Jaime cabalgou pegado ao cal buscando a réplica inmediata, pero nin Chuli nin Iriome chegaron ao centro. Sufría o Lugo tras perdas en campo contrario e de feito puido apontoar a vantaxe o Alcorcón co segundo por medio de Mateo tras unha contra rápida, pero o disparo cruzado saíu pegado ao pau. Os golpes alternábanse, pero aos poucos era o Lugo o que crecía en intencións. Romero reaparecía preto do descanso, cun zapatazo tras botarse cara a dentro que obrigou a Casto a estirarse para rexeitar. Chuli tampouco puido marcar as táboas antes do descanso, nun control tras centro de Kravets que parou o meta amarelo por alto. Antes de chegar ao ecuador Julio Velázquez víase obrigado a facer o primeiro cambio pola lesión de Errasti.
Non tardou Francisco en facer o seu primeiro cambio ofensivo e con Mario Barco xa no terreo de xogo, Asdruval tivo unha boa de cabeza para subir o segundo do seu equipo. Bruno Gama servía desde a esquina e o dianteiro amarelo buscaba o perfil esquerdo da portería. Ben plantado Juan Carlos, volveu afastar o perigo. O técnico almeriense volvía mover ficha despois de que unha perda de Azeez preto da súa área comprometese aos branquivermellos. Pita ingresou para fortalecer ao equipo polo medio, pero Asdruval seguiu axexando a meta de Juan Carlos. Un zapatazo que se foi apenas uns centímetros por amais do traveseiro. Por momentos o empate parecía máis preto. Chuli nun intento pola esquerda a pase de Mario Barco, Pita que a mandaba á cruceta nunha falta próxima... Albarracín deu coa tecla. Unha volea próxima que bateu a Casto tras un centro de Leuko desde a banda contraria. Houbo tempo para completar a remontada. E ocasións: unha de Barco de tacón, outra que mandou Albarracín demasiado alta, un córner que non atopou cabeza ou un contraataque que cortou o Alcorcón cunha falta. A tres minutos do final conseguíano os locais, un cabezazo de Mario Barco que aproveitaba para rematar desde o perfil zurdo da área pequena un centro milimétrico de Campillo.
 
Ficha técnica:
Lugo, 2: Juan Carlos, Leuko, Luis Muñoz, Josete, Kravets, Seoane, Azeez (Carlos Pita, min 61), Iriome (Mario Barco, min 54), Campillo, Jaime (Albarracín, min 67) e Chuli 
Alcorcón, 1: Casto, Laure, Pablo Vázquez, Hugo, Bellvis, Bruno Gama (Sangalli, min 78), Errasti (Toribio, min 46), Dorca, Mateo, Asdruval e Álvaro Pena (Silvestre, min 67)
Goles: 0-1, min 27: Dorca. 1-1, min 75: Nico Albarracín. 2-1, min 87: Mario Barco.