«A igualdade real levará tempo»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Carmen Vázquez Canosa, Carmiña, fotografada este luns
Carmen Vázquez Canosa, Carmiña, fotografada este luns ANA GARCIA

Dende sempre preocupada polas mulleres, a mestra e escritora Carmen Vázquez, Carmiña, lerá o manifesto do 8M o venres en Vimianzo

04 mar 2026 . Actualizado á 05:00 h.

Esta semana ten o seu horizonte posto no 8M, domingo, Día da Muller. En Vimianzo, un dos actos centrais do programa impulsado polo Concello será a lectura do manifesto prevista para este venres 6, ás 12.00, na Praza da Concello. A encargada de poñerlle contido e voz será a mestra xubilada, escritora e directora de Cáritas María del Carmen Vázquez Canosa (Vimianzo, 1947), para xeracións e xeracións de vimianceses a eterna «doña Carmiña». Semella que o tempo non pasa por ela. Falou en Radio Voz:

—Fermoso este papel que terá.

—Para min estupendo, e iso que repito, porque aínda estando no instituto Terra de Soneira xa lera un manifesto nun día coma este. Máis adiante participei nun foro de mulleres rurais. Agradezo moito que se acorden de min.

—Será máis doado, entón.

—Vou tendo algo de experiencia [ri]. Encántanme estas cousas, mais iso non quita que custe traballo. Estou moi metidiña na casa, estase moi ben nela, aínda que tamén me movo moito [Carmiña responde a esta entrevista dende o ximnasio, leva indo oito anos].

—Cando preguntamos polos motivos da súa escolla, díxosenos que Carmiña é, ademais dunha persoa moi querida, un referente na educación e tamén na reivindicación da igualdade, traballadora por ela cando poucos o facían.

—Sempre me preocuparon as mulleres. A súa educación nunca foi igual que a dos homes, e iso a min parecíame mal. Aínda que agora si se faga, antigamente non. Crin que debía aportar algo neste sentido, e de aí o meu libriño A muller desde o século XIX ata hoxe. Vida e educación. Galicia-Costa da Morte. As nosas nais e avoas sufriron ese problema. Xa empezando moi atrás, as únicas profesións para mulleres eran as de mestras e enfermeiras. As demais eran amas de casa, educábanas precisamente para selo.

—Por iso é ten importante ter referentes. Para vostede mesma foino a mestra Lola.

—Gustábame moito esa mestra, xa dende ben pequena quería ser coma ela, e conseguino, nun momento no que só había mestras rurais, falamos de sesenta anos atrás. Houbo unha evolución que está moi ben, pero hai que acordarse tamén do que pasaba antes [é referente tamén neste sentido a súa publicación As vellas escolas de Vimianzo, sobre as corenta que chegou haber no municipio].

—Vostede naceu no Vimianzo do 1947, mais soubo irse adaptando aos tempos. Como se traballa esa amplitude de miras?

—Sendo inconformista, co que se facía e co que pasaba. Querendo que a xente coñecese as cousas.

—Avanzamos, pero... Avanzamos tanto como deberiamos?

—Creo que non. Homes e mulleres somos distintos por natureza, pero a maiores diso está o rol que se lle asigna a elas. A igualdade igualdade [a real], témoo, non sei vai conseguir aínda tan axiña. Isto é algo que levará tempo, pero agardemos que cando menos nalgunhas cousas si se logre, cuestións que son fundamentais.

—Que mensaxe lle querería deixar ás vimiancesas e vimianceses?

—Incluímolos a todos, exacto. A mensaxe vai nesa liña do traballo pola igualdade, cada unha de loitar polo seu e as mulleres han de reivindicar moitas máis cousas das que están reivindicando. Na educación, nenos e nenas, dende pequenos, xa teñen que ir vendo isto, a diferenza que está habendo e que non ten que haber. Esa educación comeza tamén nas casas, debe empezar nas casas, e logo continuar cos colexios. Os mestres nese sentido tiñamos unha misión: ser mestres e educadores.

—Xubilouse xa no 2012, mais semella que o oficio de mestra non se abandona nunca.

—Ui! Si! E ademais teño deformación profesional. Sáeme aínda de vez en cando, é incrible! Tiven aínda logo de xubilarme alumnos senegaleses en Cáritas, cando comezaban a chegar e lle achegabamos o idioma, dúas profesoras e máis eu. Esas clases remataron, pero eu si continúo indo a outras, de pintura.

—Dirixe Cáritas. Como está a situación do concello nese eido?

—Vimianzo é un pobo solidario, mais o problema que temos é a mobilidade dos usuarios e usuarias. Van e veñen... Quedan uns días, logo marchan... Non podemos traballar moito tempo con eles, pero si facemos todo o que podemos. Temos reparto de alimentos todos os venres e roupeiro, ao que sumamos algún aspecto máis se está ao noso alcance, que procuramos que si. Temos unhas voluntarias estupendas, moi traballadoras. Poderiamos facer máis? Tal vez, pero somos xa maiores, non hai relevo...

—Volvamos á escrita. Hai algunha obra nova no horizonte?

—Haina, a terceira, pechando unha triloxía. Logo non quero máis escribir [ri]. Hai xa anos que teño empezado este novo libro, e penso rematalo este 2026, a ver se para Nadal. Vai sobre os docentes, sobre a ensinanza primaria, dende a Prehistoria ata agora. Trescentas páxinas terá...

—Daquela xa non é libriño!

—Desta vez é un libro!