Vimianzo abriu co seu Roteiro 8M unha programación co lema «Construíndo igualdade». Hoxe seguen as actividades polo Día da Muller en Malpica ou Corcubión
04 mar 2026 . Actualizado á 05:00 h.«A seguinte parada será no Pazo de Trasariz. Dámos por comezada a ruta! Seguídenos!». A voz entusiasta dunha alumna do instituto Terra de Soneira facía onte este chamamento aos participantes no Roteiro 8M que, con saída do Mirador tamén 8M, deu por iniciada a programación municipal en torno ao Día da Muller deste ano en Vimianzo, toda ela baixo o lema Construíndo igualdade.
Foron estudantes de cuarto da ESO os que exerceron de guías deste periplo de algo máis de 6 quilómetros que levou a alumnado, docentes e veciñanza que decidiu participar por unha serie de etapas e espazos simbólicos na localidade. Co asesoramento do psicólogo Sergio Trillo e valéndose tamén de audios de veciñas que narraban en primeira persoa vivencias deste tipo, foron facendo paradas temáticas. A muller e o fogar, a muller a escola, a muller e a emigración... «Resilientes, con tesón e coraxe», «traballo nunca recoñecido nin remunerado», «xornadas de sol a sol», «crianza en solitario» e unha escolarización diferente á dos homes que mesmo ía acompasada ao tempo que fixese: «A ese traballo invisible debémoslle o que somos e a elas queremos renderlle homenaxe», explicouse na parada do fogar. Moito por andar e saber.
Hoxe, talleres para escolares en Malpica e mostra en Corcubión
O Concello de Corcubión dará inicio hoxe, mércores, a seu Mes da Muller. Farao abrindo na Casa da Cultura a exposición Nós somos elas, «un espazo para poñer en valor a forza, a historia e o legado das mulleres, visibilizando o seu papel fundamental na nosa sociedade». Visitas ata fin de mes! Doutra banda, o programa de Malpica comeza no IES Urbano Lugrís, cos obradoiros Querernos ben, para primeiro e segundo de ESO, e Sexualidade con sentido, para terceiro e cuarto. Imparten a psicóloga Adriana Rodríguez e a educadora social Malaika Cousillas (asociación Visibles, Buño).