Carnés no corazón: a historia dunha Balbina

Nieves Lema vilariño

VIMIANZO

ANA GARCÍA

En primeira persoa | A forza da tradición, a alegría e a raíz: as cousas que nos unen á veciñanza. Escribe Nieves Lema, técnica de Cultura de Vimianzo 

11 jul 2025 . Actualizado á 00:25 h.

Son unha Balbina, nena da aldea de Carnés, criada entre silvas, lareiras e palabras de avós. No seo humilde da miña familia sementouse un soño: que meu irmán e mais eu puidésemos estudar.

Meu pai fixo a maleta e emigrou a Suíza co corazón partido, para regalarnos futuro. E mentres el traballaba lonxe, a miña nai quedou soa, ao fronte da casa, dos animais, da labranza e de dous adolescentes, cunha forza que sempre admirei. A soidade, o traballo constante, as preocupacións… E, aínda así, sempre nos deu agarimo e seguridade. Xuntos, aínda que separados, foron luz no noso camiño. E nós, os fillos, levamos o orgullo de sermos froito dese esforzo.

Medrei no calor de Carnés, aprendendo que o importante non se ve, pero séntese: o valor do traballo, a dignidade da xente sinxela, o orgullo de pertencer a unha comunidade que coida.

Recordo con tenrura aqueles primeiros anos acudindo á escola unitaria, onde uns trinta raparigos faciamos tolear, a ritmo do Palau, á dona Carmela. Revivir os recreos é traer o arrecendo dos bocadillos de chourizón ou de manteiga con azucre, o sabor da infancia. As baixadas pola Pedra do Noco, rompendo pantalóns e rindo a cachón, son parte desa memoria viva e feliz. E moi pequena aínda, vin aos meus pais implicarse na recuperación da Faguía de San Cristovo. Participaron con entusiasmo, e daquelas aprendín o fondo significado dese sentimento que nos une á veciñanza: a forza da tradición, a alegría compartida, a raíz que nunca se perde.

ANA GARCÍA

Co paso do tempo, e despois da etapa universitaria, tomei a decisión de volver a Carnés. Nese regreso vivín unha etapa vital marcada pola participación social e política, o compromiso coa miña xente e o servizo público.

Deseguido, sentín a necesidade de implicarme no movemento asociativo local, colaborando con diferentes entidades e colectivos da zona. A través destas asociacións, puiden coñecer máis de preto as inquedanzas da veciñanza, promover iniciativas culturais e sociais, e fortalecer os lazos comunitarios. O movemento asociativo foi para min unha escola de participación, solidariedade e traballo en equipo, e unha canle fundamental para impulsar proxectos que enriquecen a vida no rural.

Con só vinte anos entrei en política, nun tempo no que as mozas eramos poucas e sinaladas. Abrín paso con convicción, e tiven a sorte de compartir órganos de dirección do partido na comarca cun mentor inesquecible, José Manuel Pequeño Castro, que me guiou con sabedoría, humanidade e compromiso. Ao seu carón aprendín que a política, feita con honestidade, pode ser unha poderosa ferramenta para mellorar o mundo que nos rodea.

Nesa etapa política fun medrando e afondando no ideario que me move: estar ao lado da veciñanza, defender o común, loitar por unha vida digna de todas e todos. Fun concelleira en Vimianzo, con entrega e responsabilidade, nun tempo no que puiden devolver con traballo e dedicación parte do moito que recibín.

Hoxe teño a honra de seguir servindo á miña terra como técnica de Cultura no Concello de Vimianzo, participando na programación do auditorio, na xestión cultural do noso patrimonio e da nosa identidade. É un traballo que me emociona porque une paixón, compromiso e raíz.

E agora, xa na onda mansa da vida, con medio século vivido e tanto aínda por sentir, máis que nunca sei de onde veño, e por que latexa tan forte o que fago. Porque todo nace do amor á miña terra, a Carnés, á miña familia e ás identidades que me sosteñen. E porque sigo crendo con toda a forza nun Vimianzo vivo.

«Eu son da aldea, a aldea é a miña patria. Nacín entre labregos e labrego ei morrer». — Castelao