
A degustación dos callos nesta cita de Interese Turístico está prevista para as oito da tarde. Cine, cociña, patrimonio, foliada e lectura son outras citas para hoxe, 9 de xullo
09 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Chegou o día. Ese no que as horas da noite previa se botaban, e botan, sen durmir da emoción. É o que lle pasa dende nena a Aroa Villaverde, nova presidenta da comisión de festas de Carnés, en Vimianzo, onde hoxe celebrarán a Faguía, Festa de Interese Turístico de Galicia. «Polo de agora ben, pero o corpo xa o empeza a sentir!», confesaba onte Aroa a primeira hora da tarde, preguntada polos nervios. Aínda que sempre fiel festeira, estas serán as súas primeiras celebracións encabezando a organización. Ata o sábado, quedan moitas xornadas de festa por diante, pero de entrada cómpre empezar por hoxe. A Faguía nunca muda de data: é cada 9 de xullo, en vésperas de San Cristovo.
O programa abrirá esta tarde con misa cantada ás 19.00 horas, e posterior procesión coa imaxe ata A Cerca, acompañada pola banda de gaitas Trubisquiña. Como é habitual, haberá tamén traca de bombas. Será ás oito da tarde cando se lle dea inicio á degustación dos callos, amenizada pola charanga Los Támega. A orquestra Los Satélites e a discoteca móvil Euphoria completarán o menú festivo desta xornada inicial na que se vén traballando dende primeira hora de onte no que á elaboración dos callos se refire. Son centos e centos de quilos de garavanzos e carne aos que o veterano Fructuoso Mouzo xa lle ten collido o punto hai anos, mais que, como ritual, hai que ir probar ano tras ano. Merque cazola e logo repita ata fartar!
Cine, cociña, patrimonio, foliada e lectura: hoxe
Tamén hoxe • A Festa da Faguía encabeza a axenda de ocio e cultura para hoxe, mais non é a única cita a mércores 9 de xullo:
Razo (Carballo) • Comezan as Noites de Cine incluídas no Verán Cultural. Hoxe, ás 22.30, no entorno da praia de Razo, proxectarase o filme +Cuñados, comedia de 90 minutos recomendada para maiores de 12 anos. Gratuíto.
Carballo • Dentro do novidoso proxecto GastroFórum impulsado dende a área de Innovación, Formación e Emprego, acollerá a Escola de Hostalaría de Carballo cursos de cociña para nenos e maiores. Hoxe será a quenda de maiores de 60 anos, de 10.00 a 13.00: terán como mestre a Chisco Ramos. É preciso terse inscrito antes.
Brandomil (Zas) • No xacemento romano de Brandomil hai visitas guiadas os luns, mércores e venres ás 12.00 horas. Os interesados han de inscribirse previamente a través dun formulario web ou ben no teléfono 981 718 056.
Muxía • Máis cultura no cámping Lago-Mar. A proposta para hoxe é unha foliada libre a partir das 19.00 horas.
Coristanco • Bota a andar na biblioteca o programa Almorzo entre libros: lectura, mellora da escrita e vivencias compartidas de 10.30 a 11.30. Libros abertos e un café quentiño. Cada mércores de xullo.