Club de Saúde en Vimianzo e máis para este martes na Costa da Morte

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

Ana Garcia

Axenda diaria | A maioría das citas deste 4 de xuño teñen carácter divulgativo

04 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Hoxe • Martes 4 de xuño, o primeiro deste mes, e a xornada trae varias citas relacionadas coa divulgación. Unha destacada, o comezo do funcionamento do Club de Saúde de Vimianzo, proxecto pioneiro que, entre outras cousas, pretende ser un espazo semanal de encontro e apoio, dirixido a pacientes con cancro, sobreviventes e familiares. Esta primeira reunión será no centro de saúde, de 17.00 a 18.30.

En Cabana, o centro de maiores de Cesullas acollerá de 16.30 a 18.00, case á vez que en Vimianzo, un taller gratuíto sobre manexo da inquedanza. Organízao a Fundación Mencer e impartirá a psicóloga Paula Pico, con inscrición.

O Concello de Dumbría, do seu lado, estreará unha ruta literaria que terá como catadores aos escolares do colexio local Santa Eulalia. Con saída do Marco do Couto ás 10.00, terá ao Vákner como protagonista, a través de creacións literarias a el dedicadas: máis datos na páxina 8 desta edición.

Martes 4 de xuño é así mesmo o día elixido pola organización da Carballeira de Zas para dar a coñecer o cartel íntegro da 39.ª edición do festival, que será a segunda fin de semana de agosto. Farano nunha rolda de prensa na Coruña, con representación de varias partes implicadas, tamén artística, tal é o caso de Quique Peón, pois Vos do Fondo dá Barra foron, despois de Guadi Galego, a segunda confirmación xa lanzada.

Finalmente, cabe lembrar que hoxe acaba o prazo para anotarse á sardiñada-churrascada de Xaviña-Coristanco: no 669 787 085.