Piden explicacións por unha contratación na nova planta de Sogama en Ponteceso

M. R. CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Polígono de Tella
Polígono de Tella BASILIO BELLO

A sociedade pública explica que é unha firma adxudicataria a que xestiona a nova infraestrutura

04 ene 2024 . Actualizado á 16:59 h.

O PSOE provincial esixe nunhas comunicado explicacións pola contratación dun suposto familiar dunha edila do PP na nova planta de transferencia de Sogama en Ponteceso. De feito, anunciaron que o grupo local solicitará, ademais, un pleno extraordinario para que o goberno municipal aclare este tema.

Os socialistas piden, así, tanto á Sociedade Galega do Medio Ambiente como á consellería de Medio Ambiente, «transparencia», e remítense a uns feitos denunciados nas redes sociais por unha das persoas que aspiraban ao mesmo posto de traballo no polígono de Tella.

Desde a empresa pública explicaron que é unha firma adxudicataria a que xestiona a nova infraestrutura, que comezou a operar o pasado día 2, tendo en conta que saíu a concurso. En consecuencia, «as subcontratacións que a adxudicataria leve a cabo para prestar o servizo compétenlle a ela. Sogama o que fai é velar por que este servizo sexa de calidade, se preste nas mellores condicións e cumpra rigorosomante cos termos do contrato en vigor». Desde a Sociedade Galega do Medio Ambiente aproveitaron, ademais, para lembrar que esta nova planta ofrece maiores prestacións «xa que conta cunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón».

Pola súa banda, o alcalde, José Manuel Mato, tamén se pronunciou respecto diso: «Non temos nada que ver con esa contratación».

Doutro lado, Adiante por Ponteceso, socio do Partido Popular no municipio, abordou, así mesmo, a polémica. Desde o grupo explicaron que solicitaron ao rexedor, «todos aqueles convenios suscritos entre o Concello e Sogama a fin de esclarecer a responsabilidade que poida ter o Concello na contratación de personal na nova planta de transferencia de residuos urbanos». Unha vez revisados os documentos, afirmaron que «é legal a actuación do Concello na contratación por parte de Sogama, xa que o Concello non ten participación na selección do persoal da planta de transferencia de residuos urbanos». E matizaron que «a persoa que na actualidade traballa no punto limpo do Concello, a pesar de contar cunha amplia experiencia de case 10 anos, formación adecuada e unha implecable xestión do traballo, non foi seleccionada para traballar na nova planta». En todo caso, anunciaron que nos próximos días trasladarán varias preguntas ao rexedor sobre o conflito como a seguinte: «Remitiu algún membro do goberno de Ponteceso un ou varios curriculums de persoas para que foran contratadas por Sogama?».