Un cambio na canle do río transforma o aspecto da praia urbana de Laxe

M. L. CARBALLO / LA VOZ

LAXE

ANA GARCÍA

O Concello só actúa cando hai risco de inundación se se pecha a desembocadura

24 ene 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Situacións como a que se está dando estes días en Laxe serven para lembrar que as praias son espazos vivos e mutables, espazos nos que por moito que intente intervir a man humana, a natureza sempre se acaba abrindo paso.

Iso sucedeu estas últimas semanas no areal da capital municipal, onde o río que alí desemboca mudou a súa canle xerando unha gran masa de auga que transformou a fisionomía da praia. Desde o Concello apuntan que só o canalizan con maquinaria «cando pecha» e non flúe cara ao mar, xa que a acumulación de auga podería provocar inundacións. Pero mentres iso non sucede (adoita pasar varias veces ao ano), deixan que a natureza siga o seu curso.

Da mesma opinión é o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, que recomenda facer un drenado só en caso de areais situados en zonas urbanas nos que exista risco de inundación. «En entornos máis salvaxes, son partidario de deixar as cousas como están», sostén Vidal Romaní.