Mondra: «Moi feliz de levar este novo disco, 'De ronda', ata Fisterra. Vaia paraxe!»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

ANA GARCIA

Entrevista | O artista, que vén de presentar o seu segundo traballo discográfico, participará esta noite no festival fisterrán e actuará, a mediados do mes de xullo, no marco do Verán Cultural de Carballo

28 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Escasas horas antes de que Ugía Pedreira tomase o escenario do Fisterra Experience, falaba onte no Voces de Bergantiños outro dos grandes nomes deste festival: Mondra. Premio Martín Dódax, voz destacada nos maiores festivais do país e un habitual das citas culturais dwa Costa da Morte, vén de presentar o seu segundo traballo: De ronda.

—Que tal, Mondra?

—Moi ben! Con moitas ganas de chegar xa a Fisterra e moi feliz con este novo disco.

—Menudo ano levas...

—Non me podo queixar. Foi moito o traballo para chegar a este segundo disco, moitas horas e moitos meses de estudo, moitos ensaios para a xira... Pero agora xa está todo enriba da mesa e toca gozalo. Síntome moi orgulloso del.

—A Muiñada de Vimianzo, a Festa da Carballeira de Zas, a Escola do Alprende de Carballo... Xa case es como da casa nesta nosa Costa da Morte!

—Pasei moito por aí, si! Cando nos chegou esta proposta do Fisterra Experience non podiamos dicir que non, porque este ano non temos moitas actuacións por aí a verdade.

—Neste novo disco, cada tema vén a representar un estado polo que pode pasar o corpo nunha noite de festa. Ou, mellor dito, nunha noite de ronda. Guíasnos por eses estados?

—Pois hai un pouco de todo... Dende estar deshinibidos e de celebración, ata sensacións máis sexuais e de desexo. Tamén hai ese concepto de ir rondar, esa importancia de ir xuntas, en comunidade. Tamén falamos de amor propio, de aceptación, de quererte a ti mesma para poder querer a outra persoa... Hai de todo: emocións coas que creo que todo o mundo que escoite poderá empatizar.

—Ata corenta persoas pasaron polo estudo de gravación. Foi un álbum complexo de facer?

—Foi duro, pero lindo. E deume moitísima aprendizaxe, como nunca na miña vida. Foron moitos meses no estudo e moitas as persoas que tiveron a ben colaborar, tanto na instrumentación, como nas voces... É un disco que fala de comunidade, e iso tiña que verse reflectido tamén no estudo. Estou moi agradecido de ter a posibilidade de facelo desta maneira.

—Como cambiou o Mondra de «Arden» ao de «De ronda»?

—Pouco. Cambiaron as músicas, son fillas doutro tempo. Abandonamos a electrónica e o diálogo volve ser dende a música tradicional, cunha instrumentación máis orgánica. Cambiou o relato e as músicas, pero a persoa segue sendo a mesma.

—Como defines ese «trad» no que encaixan á túa música?

—Creo que é unha representación escénica, musical, de como algunhas artistas integramos nas nosas propostas a música e a tradición oral do noso país. Sempre con respecto, pero tamén facendo que esas músicas transiten por onde somos hoxe.

—Hoxe volves a un dos poucos redutos de galegofalantes que quedan na comunidade. Cres que, a través da música, tamén se pode incentivar que a rapazada fale galego?

—Eu son optimista, agardo que si. Estamos nun momento complexo para a nosa lingua, pero creo que, dende os escenarios, nós temos un pequeno altofalante e podemos mudar a realidade. Con que só haxa alguén que se atreva a facer uso da lingua, con que só unha crianza vexa en nós un referente lingüístico, xa será un éxito. Creo niso.

—Como viviches estas Letras Galegas tan especiais?

—Pois creo que foi un acertazo da Real Academia recoñecer o legado de todas esas mulleres sen as cales nós non estariamos hoxe cunha pandeireta sobre o escenario. Grazas a elas, collémolas con moito orgullo e non só iso, senón que podemos facer diso o noso traballo.

—Para algúns dos temas deste último álbum sumaches forzas con artistas como Lina e Lola ou a nosa veciña Antía Ameixeiras. Algunha colaboración soñada que che gustaría explorar?

—Hai unha pola que levamos agardando moito tempo, pois ten que cadrar ben o momento e o lugar, e é facer unha canción con Guadi Galego.

—En xullo pasarás tamén por Carballo, pero, antes, ese concerto en Fisterra. Que traerás?

—Pois, ante todo, será un concerto divertido no que toda a música será ao vivo. Acompañaranme dúas voces, dúas persoas na danza, xente en electrónica e percusión... E así unha equipa de ata catorce persoas que fan posible esta ronda. Estreamos en maio con dúas noites na Capitol e agora acaba de arrincar a furgo coa que visitaremos este verán recunchos e vilas de todo o país. Moi felices de levalo ata Fisterra, vaia paraxe!