Comeza o Fisterra Experience, festival que xunta territorio e cultura coa bandeira da sustentabilidade
FISTERRA

A Pedreira, Baiuca e Phonorama, na xornada inaugural. O festival foi presentado onte no Semáforo de Fisterra
27 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.Coa vontade de poñer en valor o territorio no que se celebra, e con premisas como a sustentabilidade, a calidade ou o respecto pola natureza, comeza hoxe na fin da terra e na fin do Camiño unha nova edición do festival Fisterra Experience, que vai durar tres días e que levará á localidade artistas como Baiuca, Mondra, A Pedreira, Helena Egea ou Phonorama, entre outros.
No Semáforo fisterrán, unha das localizacións que serán exploradas ao longo desta fin de semana, presentouse onte o cartel en presenza da alcaldesa, Áurea Domínguez; do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; dun delegado de Estrella Galicia, Roi Mouzo, e da coordinadora do festival e representante da produtora Nordesía, Paula Fernández. Os catro coincidiron en sinalar «a singularidade» do festival e a maneira na que conxuga cultura e territorio: ese é, indican dende a organización da cita, o seu sinal de identidade.
Merelles, que matizou que o festival forma parte da programación dos concertos do Xacobeo, apuntou que este Fisterra Experience é «unha cita singular entre todas as que se celebran en Galicia», mentres que a rexedora puxo en valor o talento «da casa» que foi incluído no cartel, como o poeta Modesto Fraga, a actriz Marta Lado ou a agrupación Rapacollóns' Big Band. Un talento do que, dixo, están orgullosos na vila. «Un festival tan grande e difícil de organizar merece que todo o pobo poida gozar del», concluíu a mandataria.
Pola súa banda, a representante de Nordesía, produtora que está detrás do deseño do festival, recalcou que a programación foi «concibida para axeitarse ao espazo» e tamén salientou que é das poucas citas que contan co selo BGreenly de Evento Sostible. Pretenden ser un evento non masificado, sostible e integrador, «para afondar nas prácticas de xestión sustentable e para subliñar a relación entre cultura e territorio», indicou Paula Fernández.
Esta mesma noite botará a andar este festival, organizado polo Concello de Fisterra, producido por Nordesía e patrocinado por Estrella Galicia e a Xunta, a través dos concertos do Xacobeo. Apoia tamén a Deputación da Coruña e colaboran negocios locais como O Semáforo, o hotel Bela Fisterra ou a empresa de turismo náutico Cruceros Fisterra, coa cal se celebrará unha das propostas máis singulares da programación: un concerto a bordo da embarcación María Elena. Será mañá sábado, ás cinco da tarde, e a cargo de Sabela King & The Heartbreakers.
A organización puxo á venda na plataforma Enterticket.es abonos para as xornadas do venres e do sábado, ou ben entradas individuais por día.
A Pedreira, Baiuca e Phonorama, na xornada inaugural
Malia que a xornada de maior carga cultural será a de mañá, o festival botará hoxe a andar nunha das cinco localizacións que visitarán os artistas ao longo desta fin de semana. Ao Escenario Xacobeo, situado na rúa da Foliada, subirán hoxe A Pedreira (Ugía Pedreira), ás 21.00; Baiuca, ás 22.30, e DJ Mil-Phonorama, a medianoite.
Mañá, sábado, a actividade comezará cun pasarrúas a cargo da asociación Rapacollóns' Big Band e continuará con xogos tradicionais e cunha actuación de Thomas Kretzchmar e David Regueiro no Escenario Atlántico (San Roque). Unha dobre sesión de Cigani e un concerto de Sabela King & The Heartbreakers é a proposta para o Escenario Fisterra, situado na Praza da Constitución, e pola noite, no palco principal, actuarán Helena Egea, Mondra e MFC Chicken.
Pasarrúas con Brass Atlantic Band, historias de Fisterra con Modesto Fraga e Marta Lado, vermú con Andhrea & The Black Cats e tardeo con DJ Vilouta é a proposta para o derradeiro día.