A ría de Corcubión está máis preto do porto deportivo tras 40 anos

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CORCUBIÓN

JORGE PARRI

O Carrumeiro celebra o seu aniversario co proxecto en estudo por parte de Portos

14 abr 2017 . Actualizado ás 08:55 h.

Con esa ilusión, a de ter un porto deportivo, naceu no verán de 1977 o Club Marítimo Carrumeiro de Corcubión, un dos náuticos máis antigos de Galicia que celebra o seu 40 aniversario. E agora o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, acáballe de confirmar o encargo do estudo de viabilidade para a súa futura construción.

A infraestrutura, en principio prevista para a zona da Viña, entre o peirao actual e o antigo dos carboeiros, conta co respaldo dos alcaldes de Cee, e que, cun abrigo ao sur e outro ao norte, cumpriría unha dobre función. «É unha aspiración compartida entre nós e a confraría, porque a liña de fondeo é xa demasiado pequena para os barcos que hai. Ademais, a construción do Recheo de Cee e do porto de Brens produciu cambios das correntes e a sedimentación da area. En total calculamos que se poden facer uns 200 amarres, para terceira e sétima lista», explica Félix Quinteiro Álvarez, que foi fundador do club, púxose á fronte hai dous anos e ostenta o carné de socio número uno.

A necesidade dunhas instalacións náuticas en condicións na ría de Corcubión é máis que evidente e recoñecida desde todos os ámbitos, aínda que xa poucos se fían de vela feita realidade algún día, porque estaba nos plans do bipartito, dábase por feito, e a día de hoxe aínda segue pendente. Para Quinteiro, que todo o fai no náutico, do mesmo xeito que os seus antecesores, trata de que sexa inclusivo e aberto, é de destacar que teñan recibido o apoio dos rexedores e de todos os partidos políticos, tanto en Cee como en Corcubión.

Necesidade

«Foi desde sempre a nosa aspiración e é o que falta, porque entre Camariñas-Muxía e Muros non hai ningún porto deportivo -salvo O Ézaro, pero ten a ponte e unhas características especiais que o fan depender das mareas- e desde que nós empezamos xa se construíron 39 en Galicia. Entendémolo como un dereito histórico, pero queremos xustificalo con fundamentos técnicos e de necesidade», sostén o presidente do Carrumeiro.

A pesar desta carencia, en 40 anos o club acadou fitos importantes, como demostra que cada ano máis de 300 rapaces, a través do Mar na Escola e outras iniciativas, achéguense ao mundo da vela. Niso, Quinteiro dálle un mérito central a Noemí Bermúdez de Castro Elorza, a monitora e alma de Cataventos. Ao mesmo tempo, no balance destas catro décadas, quere lembrar especialmente ao xa falecido, Jesús Elorza, nomeado presidente de honra da entidade, que encabezou durante anos.

Nestes momentos o Carrumeiro conta con algo máis de 100 socios que pagan os seus carnés, unha cifra nada desdeñable se se ten en conta que non hai uns amarres vinculados e que está aberto a todo o mundo. Nin sequera os pais dos nenos que acoden ás actividades teñen obrigatoriedade de afiliarse. Moita desa xente está fóra de Corcubión, por motivos laborais, familiares e doutra índole, pero seguen apoiando algo que senten como propio. Agora a idea é que boa parte deles poidan xuntarse na churrascada estival que esta vez sabe a 40 anos de historia.