
Loterías Gran Vía, con nova xerencia, repartiu sorte na Bonoloto o xoves
27 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.Victoria Tuñas mostrábase onte sumamente contenta. Loterías Gran Vía, no 77 desta céntrica rúa carballesa, repartiu sorte no sorteo da Bonoloto do xoves, pois aquí se selou un dos catro boletos premiados en segunda categoría, con cinco acertos máis o complementario (número 42 12 33 17 14 26, 31 como complementario e 2 como reintegro). O agraciado, ou agraciada, leva 45.509 euros.
O punto de venda da Gran Vía é un histórico, atendido toda unha vida por Esther Barca e José Antonio Padín ata a súa xubilación. Vendérono a dous socios de Santa Comba e Victoria, que conviviu uns meses no número 77 con Esther para achegarse aínda máis ao sector —xa traballara niso en Bembibre—, é agora a encargada da atención ao público, como empregada: «Levo dende o 18 de agosto». Ten a experiencia dalgún premio previo a este, pero o do xoves, un segundo, supúxolle unha felicísima noticia: «Sabes que a xente vén aquí con moita ilusión, así que isto é unha alegría. Que alegría dar un premio así!».
Está moi contenta da acollida en Carballo: «Hoxe mesmo pasou moita xente por aquí para alegrarse», contaba onte Victoria, natural de Negreira, pero veciña de Carballo na actualidade. Xa empeza, por certo, o movemento para Nadal: «Xa están pedindo o número da casa». E xa saben o que din, que a sorte chama pola sorte. Por probar...