Adro de Vilaño, Castelo Conta e Touriñán unen forzas para visibilizar ás mulleres do rural
A LARACHA

A asociación larachesa acaba de presentar o proxecto «Abrandases en rede»
04 sep 2025 . Actualizado á 20:55 h.«As mulleres sempre foron a columna vertebral do rural, pero moitas veces a súa voz quedou en silencio». Tirando desta idea, a asociación cultural Adro de Vilaño (A Laracha) acaba de presentar o proxecto Abrandases en Rede, co que buscan recoñecer, conectar e pór en valor o papel esencial das mulleres, non só no rural, senón na sociedade en xeral: «Sen as mulleres nn hai futuro, e o rural tamén pode ser un espazo de vangarda en igualdade, cultura e transformación social», engaden.

A iniciativa impúlsase desde o festival Castelo Conta, co humorista Xosé Antonio Touriñán como alma máter, e está financiada pola Dirección Xeral de Promoción de Igualdade da Xunta. A entidade Adro, polo seu lado, encadra a proposta na súa actividade Terra de abrandases. Diego Rama, presidente, explicou no acto de posta de longo que este será só o primeiro paso dun gran soño, «construír unha comunidade interxeracional de mulleres orgullosas, visibles e unidas, que desfruten e se inspiren mantendo vivo o noso rural».

Tanto Touriñán como a cineasta e directora do proxecto, Hadriana Casla, desprazáronse ao centro sociocultural de Vilaño para achegar a súa perspectiva. Participan no proxecto unhas vinte mulleres de Vilaño, a maior parte maiores de 65 anos. Tamén as hai chegadas doutros países, e así mesmo un grupo da Illa de Arousa e de Castelo (Culleredo). A iniciativa pulsará os seus saberes en determinados aspectos, tamén o autocuidado, tantas veces invisibilizado.