Máis de 170 textos aspiran a gañar a 22.ª edición dos Contos de Nadal de La Voz
CARBALLO
Colexios de once concellos da comarca remitiron relatos para o certame
09 dic 2025 . Actualizado á 23:46 h.Semella que a creatividade literaria vive bos tempos na Costa da Morte. Logo dunha edición de récord do certame Territorio Vákner, tamén o concurso Contos de Nadal medra en participación. Do cento de textos do pasado 2024 pásase aos 176 deste 2025: esa é a cifra de relatos que optan a gañar a convocatoria deste ano, na que é xa a súa edición 22.ª. Rapaces e rapazas xa fixeron o seu traballo e agora tócalle a quenda ao xurado. A resolución de Contos de Nadal coñecerase este vindeiro domingo, 14.
La Voz de Galicia e Radio Voz, co patrocinio de EDP Renewables, promoven este concurso que busca espelir a imaxinación dos pequenos en torno á temática de Nadal, época ben acaída para iso. O certame vai dirixido a alumnado de segundo ciclo de primaria —cursos terceiro e cuarto— de todos os centros educativos de Bergantiños, Soneira e Fisterra, ademais de Cerceda. Algúns por vez primeira, e outros repetindo unha participación xa clásica, fixeron chegar textos este ano colexios dos municipios de Carballo (A Cristina), Coristanco (Canosa-Rus e Alcalde Xosé Pichel), Vimianzo (San Vicenzo), Cabana (As Revoltas), Cee (Manuela Rial), A Laracha (Otero Pedrayo e CEIP de Caión), Ponteceso (As Forcadas de Corme), Zas (Labarta Pose de Baio), Fisterra (Nuestra Señora del Carmen), Malpica (Joaquín Rodríguez Otero de Buño) e Cerceda (O Cruce). Trece colexios, en total, que aspiran a situar traballos do seu alumnado nese ránking dos dez contos que obteñan a maior puntuación por parte do xurado, integrado nesta ocasión polos docentes xubilados María Paz Rodríguez e Xosé María Varela, a libreira carballesa e blogueira literaria Belén Edreira, a xornalista Patricia Blanco e o delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras Lavandeira.
Dez relatos a publicar
Os dez textos seleccionados de entre estes 176 totais serán publicados nas páxinas desta edición de La Voz o propio día da entrega de premios. Os seus autores e autoras levarán un diploma acreditativo e unha peza de artesanía ligada ao certame: a maiores, os responsables dos tres traballos máis puntuados marcharán para os seus fogares cun agasallo.
A entrega de premios, o sábado 20, na biblioteca de Coristanco
Poucos lugares mellor para a entrega de premios dun certame literario que unha biblioteca, un espazo de soños, de imaxinación e de vidas vividas sen saír do carón das páxinas. Este ano, será a biblioteca de Coristanco a que acolla a entrega de premios da 22.ª edición do concurso Contos de Nadal, un acto que, como xa é tradición, levarase a cabo no sábado anterior a Noiteboa: nesta ocasión, por tanto, día 20 de decembro, ás 12.00 do mediodía.
Quedan apenas unhas xornadas para coñecer quen releva a Antonio Candal Rey, autor do relato gañador do concurso na pasada edición, alumno do colexio Labarta Pose de Baio. Polo de pronto, un mundo de propostas para analizar, pois arredor do Nadal foron quen os rapaces da Costa da Morte de escribir arredor de patrimonio, de lendas, de lembranzas, de pais e avós, de intelixencia artificial, de solidariedade... Con eles medra o potencial literario deste territorio.