APTCM, coa financiación da Axencia de Turismo de Galicia, impulsa a publicación da obra de gran formato «A Costa da Morte: naturalmente única», con Xan Fernández e Antonio Fernández como autores. Pasaron por Radio Voz este luns
02 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Unha publicación exclusiva dos 17 concellos do xeodestino Costa da Morte. Un libro de autor —«de autores, neste caso»—. Todo iso é A Costa da Morte: naturalmente única, un proxecto da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), financiado pola Axencia de Turismo de Galicia e dende longo imposible sen o traballo dos seus dous autores, Xan Fernández Carrera á escrita e Antonio Fernández á fotografía. Os dous, xunto con Pepe Formoso, presidente de APTCM, deron a coñecer onte algúns detalles desta creación en Radio Voz. Este xoves será a presentación.
«Xente proactiva, con moito que dicir, que xa o ten todo demostrado nesta comarca», aseverou Formoso sobre os dous Fernández, que fixeron para a ocasión un traballo altruísta. «Unha honra para min participar deste proxecto», apuntou Antonio: «A obra vale o seu peso en ouro». E iso xa é dicir, pois o libro é de gran formato, papel de calidade e imaxes de considerable tamaño: un quilo e medio de beleza. Unha obra pensada para recepcións e mostradores do establecementos, para bibliotecas, oficinas turísticas, Casas da Cultura ou, por que non, tamén os andeis dunha casa. Para visitantes e para orgullo dos veciños.
Xenerosamente, Xan e Antonio cederon para a ocasión o seu talento, cun fin que comparten con APTCM: «Traballar polo territorio, pola Costa da Morte», en palabras de Formoso. «Non se trata dun libro de moitísimo contido escrito, senón que pretende ser un escaparate da comarca, seleccionando aqueles elementos patrimoniais máis importantes e amosándoos. Patrimonio natural, histórico, inmaterial... Un libro a percibir, sobre todo, polo sentido da vista, e nese ámbito o protagonismo é de Antonio», explicou Xan, que nesta ocasión muda a tipoloxía de obras que tivera publicado sobre a comarca, «ata o momento guías». «É a primeira vez que se fai un libro destas características na Costa da Morte», remarcou Pepe.
Publícase en galego, castelán e inglés, agrandando unha biblioteca xa ampla sobre esta terra: «A Costa da Morte posiblemente sexa a comarca de Galicia que máis publicacións ten sobre o seu territorio, e con todo iso pensamos que aínda é necesario seguir educando, sensibilizando e concienciando para coñecela e conservala», manifestou Xan. O título —A Costa da Morte, naturalmente única— vén polo feito de que a forza deste territorio «é a súa natureza» e polo seu carácter singular, sen igual noutras latitudes. Foron moitos meses de traballo, «en momentos». Todo o que fotografou era xa coñecido por Antonio, salvo un punto: a capela de San Guillerme, en Fisterra.
A presentación, este xoves ás 12.00 no Asteria de Caión
A presentación deste libro dado a coñecer en Radio Voz será este xoves 4 de decembro, ás 12.00 horas, no Asteria Beach de Caión, un establecemento que vén de reabrir as súas portas nunha nova ubicación nesta localidade larachesa. Ademais dos autores e responsables do proxecto, estará presente Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia. Convidouse tamén a Turismo da Deputación. O acto é aberto ao público, para coñecer APTCM e proxectos. Entregaranse alí os exemplares aos Concellos de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), oficinas de turismo, bibliotecas municipais e asociados de APTCM.