O TEA desde a aula e a fenda entre a teoría e a realidade

Isabel García LOGOPEDA E DOUTORA EN DESENVOLVEMENTO PSICOLÓXICO, DA APRENDIZAXE E A SAÚDE.

CARBALLO

ANA GARCÍA

A incidencia en España é de 1 de cada 100 nenos, polo que non é unha excepción, senón unha realidade en todos os colexios

08 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Falar de inclusión desde o papel é cómodo. O difícil chega no momento en que esa palabra, tan bonita e chea de boas intencións, aterra nunha aula con 25 alumnos con distintos ritmos de aprendizaxe, distintas necesidades… e un neno con Trastorno do Espectro Autista (TEA) que necesita moito máis que boa vontade.

A entrada dun neno con TEA en clase transfórmao todo. Os seus compañeiros observan, preguntan, achéganse… ás veces con curiosidade, outras con tenrura ou desconcerto. Aprenden, sen darse de conta, sobre respecto, diferenza e frustración. Pero tamén necesitan que alguén lles ensine como actuar ante berros ou perrenchas, como compartir sen resposta, como convivir con quen ve e vive o mundo doutro xeito.

Os docentes camiñan por unha corda fina: planifican, adaptan, ensinan, escoitan, xestionan conflitos e situacións imprevisibles, mentres lidan coa burocracia. A inclusión non é unha tarefa máis, é unha transformación profunda do rol docente. E sen apoios específicos, é insostible. Os apoios non poden limitarse a materiais, senón tamén a incluír recursos humanos con formación específica que acheguen ideas e solucións.

Boa parte do traballo docente non se ve: reunións, esperas, frustracións. Algúns pais dubidan de se «isto afecta a aprendizaxe dos demais»; equipos directivos reclaman recursos que non chegan; profesionais itinerantes que apenas poden intervir unha hora semanal. E hai docentes esgotados, con vocación pero sen ferramentas suficientes. Non todos mostran o mesmo nivel de implicación, aínda que confío en que a maioría actúa con responsabilidade. O que non se ve é o que máis doe, e é esa sensación de estar a facer «o mellor que se pode» en lugar de «o que realmente se necesita».

Planificación

A inclusión real é planificación, formación e traballo en equipo. Necesitamos para iso profesionais de apoio na aula que sexan estables e continuos; formación específica e práctica para o profesorado sobre autismo, conduta e habilidades sociais; orientación e acompañamento para as familias de todos os alumnos; espazos adaptados e recursos materiais suficientes, e, sobre todo, tempo. Ese ben escaso que as institucións non sempre priorizan.

A incidencia do TEA en España é de 1 de cada 100 nenos. Non é unha excepción, senón unha realidade en case todas as aulas. O DSM-V recoñece tres niveis de apoio, e a escola debería facelo tamén, non só con informes, senón con recursos físicos e humanos. Aínda con todo, hai esperanza. Aulas onde os nenos aprenden a agardar, a ceder, a mirar con outros ollos. Docentes que reinventan as súas metodoloxías. Familias que acompañan, preguntan e comprométense. A inclusión non é só para o neno con TEA, senón para todos. Pero non pode depender unicamente da boa vontade do profesorado nin da capacidade do grupo para adaptarse sen apoio. É fundamental construír unha conciencia de comunidade nos colexios, onde familias, docentes e alumnado compartan responsabilidades.

Só se camiñamos na mesma dirección, con compromiso e colaboración, poderemos falar de inclusión real. É hora de que a administración educativa estea á altura. E de que como sociedade deixemos de falar de «problemas» para empezar a falar de responsabilidade común e solucións. A inclusión non é un favor. É un dereito. E como tal, debe ser un compromiso de todos.