Todos os Santos e Defuntos

Guadalupe Vázquez LABIRINTO NAS SOMBRAS

CARBALLO

Unha imaxe de meu pai, falecido hai xa trinta anos
Unha imaxe de meu pai, falecido hai xa trinta anos ARCHIVO FAMILIAR

31 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Non adoito falar do meu pai. Ben podería facer alarde del dicindo que era un deses seres bondadosos tocados pola man de Deus —é a miña prerrogativa—, mais non adoito falar del. Poden pensar que, na miña mente, quedou estacionado nun tempo e un lugar, entre paredes de cemento quizais, a súa lembranza repousando sobre a terra ou entre as rochas espidas do monte.

Mais si o lembro nos detalles da vida, pese aos trinta anos xa transcorridos dende que deixou de estar entre nós. E, sobre todo, levo a gratitude a el como manto. Dúas son as festas celebradas nestas datas: a solemnidade de Todos os Santos e a conmemoración dos Fieis Defuntos, coas que se manifestan a crenza na comuñón dos santos e a crenza na vida eterna.

Na conmemoración dos defuntos, a relixión dinos que debemos orar por eles, pois pode que algúns estean nun purgatorio de ánimas infractoras precisando das nosas oracións. Os cemiterios vístense da luz das velas e coas rosas, gladíolos e os crisantemos que simbolizan a eternidade. Así, xunto coa oración, hónrase a memoria dos seres queridos falecidos. Mais, á marxe desas motivacións, a realidade é tamén o que manifesta o refrán «de ben nacidos é ser agradecidos».

Moito do que somos débese a esas persoas que xa non están, ao seu esforzo, traballo, sacrificio e exemplo de vida que nos deron. E precisamente é ese agradecemento verdadeiro a rosa, o gladíolo e o crisantemo máis fermosos.

Neste día, e o resto de días, neste día e nos máis de dez mil que nos preceden, dou as grazas. Grazas polo ensinado. Grazas por cada sacrificio invisible. Grazas por ser guía, sempre. A ti, papá.