Memoria Histórica, monicreques, teatro, FIOT... O que podes facer hoxe na Costa da Morte
CARBALLO

Vén cargada a axenda deste mércores, 15 de outubro
15 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Avanzamos na semana coa seguinte axenda cultural e social:
Santiago · Xosé Antonio Andrade presenta hoxe Os Cómaros da vida na libraría compostelá Couceiro (19.30). Estará acompañado polo profesor, poeta e escritor Miro Villar; pola xornalista Isabel Pichel e polo editor e responsable do espazo Espiral Maior Foro de Carballo, Miguel Anxo Fernán Vello.
Malpica · A Casa do Pescador acollerá hoxe unha charla sobre a escritora Syra Alonso e o sucedido co seu marido, o pintor Francisco Miguel, que foi fusilado polo franquismo e cuxos restos foron atopados en Bértoa. A sesión será ás 19.30, estará presentada por Carmen Rodeja (ARMH) e falará Olga Mahía.
Cerceda · Comeza o ciclo de cinema Mestre Mateo coa proxección da longametraxe Xustiza Artificial: ás 20.00, no auditorio.
Camariñas · Dobre proposta do Festival Escena Muller: representación de Mozas nas redes, de Estíbaliz Veiga, no IES Pedra da Aguia (12.00) e charla divulgativa Tecendo fíos femininos, de Noelia Darriba, no Museo do Encaixe (18.00).
Vimianzo · Vimianzo é unha das 470 localidades españolas que participan este ano na oitava edición do Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais, que promove o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. A programación inclúe 800 proxeccións, e unha delas terá lugar hoxe na capital de Soneira: será o filme Los destellos, de Pilar Baldomero, e poderase ver ás 19.00.
Cee · Continúa en Cee o programa Outono Cultural, hoxe cunha sesión de monicreques da man da compañía Fantoches Baj. Ás 11.00, no auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura, representarán para público escolar a peza Rolán, Orlando, Roldán transita polo Reino de Galiza.
Carballo · A área de Deportes colabora na actividade de hoxe do programa Apego. Trátase dunha xornada de contacto coa auga á que se poderán sumar nenos de 1 a 4 anos. Será na piscina vila de Noia, ás 18.00, 18.30 e 19.00 horas.
A Laracha · Aberto, dende onte martes, o prazo para anotarse ás actividades do programa Andainas de Outono, que constará de tres rutas a celebrar entre outubro e novembro.
Carballo · Arranca unha nova semana de programación do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), hoxe cunha actividade paralela que consistirá nunha conversa con XRon, do grupo Chévere: ás 20.00, no Pazo da Cultura de Carballo.