«O que salva á música tradicional é o impulso da xente que vén detrás»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

<span lang= gl >Parte dos integrantes da Banda das Crechas, durante unha actuación en Compostela</span>
Parte dos integrantes da Banda das Crechas, durante unha actuación en Compostela PACO RODRÍGUEZ

Camiño do 40 aniversario, A Banda das Crechas actuará na Muiñada de Vimianzo esta fin de semana. Así o explicou un dos membros fundadores, o gaiteiro Manuel Amigo, en Radio Voz Bergantiños

15 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Vimianzo será esta fin de semana a capital da música tradicional cunha nova edición da Muiñada, que, coincidindo co seu décimo aniversario, se estenderá desta volta ao longo de dúas noites: a do venres, e a do sábado.

O epicentro da actividade volverá ser o Muíño da Agra, por onde pasarán novos talentos como Paracetafolk, mellor banda emerxente nos últimos Premios Martín Códax, e nomes xa consolidados como Ringorrango (Zamora), Omiri (Portugal) ou A Banda das Crechas (Compostela). Cun dos membros fundadores desta última agrupación, o gaiteiro Manuel Amigo, falou onte Fran Rodríguez en Radio Voz Bergantiños:

—Con ganas desa Muiñada?

—Vamos con moita ilusión para alá. Banda completa, levaremos a un gran pianista... E non vamos dar detalles [ri].

—Quen estará con vostede nese palco do Muíño da Agra?

—Iremos os habituais, esas grandes figuras que, non sei por que conxunción dos astros, se animaron a facer esta inusual banda: Quim Farinha, Santi Cribeiro, Xan Pampín, Icía Díaz, Manoliño... Unha serie de grandes músicos que fan que cada mércores nos xuntemos na Casa das Crechas para continuar non con este proxecto, senón con esta forma de vida, despois de 38 anos metidos nese curruncho.

—Case catro decenios xa.

—Pois si, no 2027 faremos a grande celebración dos corenta anos da Casa das Crechas. Dos orixinais, dos que comezamos aló polo 1987, estamos Quim e eu. Estamos preparando algo especial.

—Desas foliadas espontáneas, a conquistar novos territorios como o Celtic Connections de Glasgow. Habería outros grandes fitos nesta longa traxectoria...

—Moitas actuacións en Galicia, pero tivemos varias citas importantes que, curiosamente, case sempre nos levaron por Escocia. De feito, acabo de chegar de Edimburgo. Agora están saíndo cousas, convites importantes para facer un proxecto que poderíamos definir como unha banda paraugas para que grandes, ou pequenos convidados, se poidan sumar e ser partícipes desta nosa celebración tamén.

—«Cada foliada é unha incógnita. Quen fai que sexan únicas sodes todos vós». Isto dicía A Banda das Crechas na súa páxina de Facebook hai uns meses. Non hai dúas foliadas iguais, non si?

—Nunca, e de feito a última que tivemos foi marabillosa, cunha rapaza francesa con zanfona que nos pediu tocar tamén. Adaptámonos rapidamente ao que vén.

—En que situación cre que está a música tradicional agora?

—O que nos salva é o impulso da xente que vén detrás. Cun apoio institucional escaso, é un orgullo ver a toda esa xente nova tirando do carro, ás asociacións que continúan loitando co pouco que poden recadar, ás escolas que seguen a traballar... É espectacular o avance que vén da base.

—Ten relación coa Costa da Morte máis aló do musical?

—Aínda que nacín en Compostela, miña nai é de Bergantiños e o único que quería ao rematar a escola era ir para Carballo. De xuño a setembro, do San Xoán á Milagrosa.

—Que tal compaxina a música coa vida laboral?

—Eu teño outra profesión, son topógrafo, pero a miña cabeciña está sempre na música. Tamén no baile, aínda que un pouco menos que antes porque os xeonllos xa non dan [ri]. No seu día, cando tiña vinte e poucos, fixen varios cursiños coa secretaría xeral de relación coas comunidades exteriores: varios por España, Múnich, París... Despois deixeino.

—Ademais desta «antropofesta» de Vimianzo, teñen algunha outra actuación próxima?

—Quédanos esta e remataremos cun magosto en Bugallido, na zona de Ames. Despois, xa comezaremos a ver que formato lle damos a esa celebración que faremos nos anos 2026-2027.

—Ademais dese traballo gravado na Casa das Crechas e lanzado no 2010, hai algún outro no horizonte por eses corenta anos?

—Hai dous en mente. Para o primeiro, lanzamos 300 exemplares dun directo prepandemia no Glasgow Concert Hall, e despois tamén queremos sacar un traballo importante proximamente. Xa veremos en que formato, pero nas grandes plataformas seguro que estará.