
Os comportamentos incívicos son unha constante nos concellos da Costa da Morte
03 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.As queixas por verteduras ilegais de lixo ou por vandalismo en infraestruturas públicas son unha constante nos concellos da Costa da Morte. Os últimos exemplos deste incivismo déronse en Ponteceso e Corcubión.
No primeiro municipio, a Administración local criticou unha vertedura incontrolada nas inmediacións do depósito de auga de Xornes. No achado, había uralita, cableado, mobles, plástico ou restos de obra, entre outros residuos que contaminan a contorna natural. O Concello xa limpa a zona e informou de que abrirá un proceso de investigación: «Estas condutas están sendo controladas polos axentes de Medio Ambiente e son motivo de sanción. Pregamos a vosa colaboración para acabar con este tipo de situacións».

Doutro lado, en Corcubión, condenaron as pintadas en varios sinais de tráfico do Concello, desde onde lembraron que este vandalismo pon en risco a seguridade viaria, ademais de danar o mobiliario público: «Estes comportamentos teñen un elevado custo económico para as arcas municipais, recursos que poderían empregarse en mellorar outros servizos». Denunciarán os feitos ante a Garda Civil e piden colaboración cidadá.