
Será un sorteo no que os emparellamentos se configurarán por proximidade
03 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Salón Luis Aragonés da Cidade de Fútbol de Las Rozas (Madrid) acolle hoxe, ás 13.00 horas, o sorteo da fase nacional da Copa Federación. O Bergantiños estará entre os trinta e dous equipos participantes nesta competición que ofrece catro prazas para a próxima Copa do Rey, é dicir, para os que cheguen a semifinais.
Empeza en dezaseisavos e haberá un sorteo por rolda, configurando os emparellamentos por proximidade, sempre que sexa posible. Desta forma, o máis probable é que o rival do Bergan sexa un dos outros dous galegos (Ourense CF e Estradense), o representante leonés (Zamora) ou os asturianos (Covadonga e Marino de Luanco). De entre esas posibilidades, ourensáns e zamoranos serían rivais de Primeira Federación; o Mariño de Luanco compartirá liga co Bergan en Segundo, e o resto serían de Terceira.
No entanto, o sorteo ditaminará hoxe a sorte dos rojillos, que agardan volver competir na Copa do Rey.
Un esforzo maiúsculo
O camiño que hoxe inicia o Bergantiños ten pedras que suporán un grande esforzo para superar polos rojillos. Primeiro polo descanso do persoal, xa que a Copa Federación xogará os mércores. O choque de dezaseisavos será o 10 de setembro, e o de oitavos sería o 17. Cuartos disputaríase o 1 de outubro ,e as semifinais, o 15. A final, en cambio, sería o sábado 8 de novembro.
Avanzar roldas esixiría tamén un sobrecusto en viaxes, pois vai a sorteo o feudo no que se celebra cada encontro e ao pasar as eliminatorias, o destino podería ser, incluso, Melilla, Ceuta, Eivissa ou Tenerife.