Un condutor de autobús demanda á empresa por despedimento improcedente, perde o preito e indemnízanlle con 52.000 euros

CARBALLO · Exclusivo subscritores

Os tribunais apoian os motivos de despedimento que esgrimiu a compaña
15 jul 2025 . Actualizado á 12:13 h.Traballou para unha empresa de autobuses durante case vinte anos, cun soldo de entre 1.400 e 1.600 euros (prorrata de pagas extras incluída) e realizando rutas pola Costa da Morte e servizos de transporte escolar.
No entanto, a firma para a que traballaba decidiu prescindir dos seus servizos e notificoulle o seu despedimento e a liquidación do seu contrato, algo que implicaba unha indemnización de 52.000 euros (20 días por ano traballado). A compaña, adscrita á súa vez a unha UTE, alegou motivos «organizativos, económicos, técnicos e de produción» para tal despedimento, segundo reflexa unha sentenza do TSXG.
O operario mostrouse desconforme con esta resolución ao entender que os criterios utilizados para xustificar a súa baixa na Seguridade Social non se axustaban á realidade económico-financeira nin da empresa, nin da UTE, segundo os últimos datos contables auditados. A compaña, pola súa banda, entendía que si se daban esas circunstancias económicas e procedeu a darlle a baixa previo abono deses 52.000 euros.
Como non houbo acordo previo ante o Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC), o traballador presentou demanda contra a súa empresa e a UTE á que pertencía ao entender que tamén era corresponsable desta decisión.
Un xulgado do Social da Coruña deu a razón en primeira instancia á compaña ao considerar que si se deron as circunstancias para dar de baixa ao condutor de autobús, quen recorreu en suplicación ante a Sala do Social do Tribunal Suprior de Xustiza de Galicia (TSXG). O alto tribunal autonómico desestimou o recurso do empregado e ratificou a sentenza emitida en primeira instancia. Contra este segundo fallo, as partes poden presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.