Sentenciado a pagar 375 euros de pensión por alimentos polo seu fillo cando do soldo que percibe, 1.625 euros, quedan libres de gastos 26
CARBALLO

A Audiencia Provincial da Coruña fixa para este pai 375 euros mensuais, fronte aos 450 establecidos inicialmente
12 jul 2025 . Actualizado á 19:40 h.Despois de varios anos casados e un fillo en común, menor de idade, unha parella residente no partido xudicial de Carballo divorciouse . Un xulgado declarou a separación legal e determinou que a patria potestade sería compartida e atribuíu á nai a custodia do fillo. Tamén concedeu á proxenitora o uso do domicilio familiar e fixou para o pai unha pensión por alimentos de 450 euros ao mes.
Contra esta sentenza de divorcio contencioso, o home presentou recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña. Solicitou unha ampliación do réxime de visitas e reclamou, de forma paralela, unha rebaixa na pensión de alimentos a favor do menor. Argumentou no seu escrito que tiña un soldo de 1.625 euros líquidos ao mes e que, tras os gastos fixos, só lle quedaban limpos 26. Neste capítulo de desembolsos figuran 728 en préstamos, 521 dun seguro de vida e dunha pensión por alimentos en favor doutro fillo, froito dunha relación anterior e 350 do alugueiro dun piso. Nestes gastos, segundo o apelante, non se inclúen auga, luz.... Tamén indicou que a súa exparella percibe 760 euros de ingresos ao mes, e non paga renda pola vivenda familiar.
A Audiencia Provincial estimou, en parte, o recurso de apelación e reduciu a pensión por alimentos a favor do menor de 450 a 375 euros mensuais. Contra este segundo fallo, as partes poden interpor recurso de casación ante o Tribunal Supremo.