Libros e oficio

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

CARBALLO

Unha das imaxes que deixou a Praza dos Libros de Carballo no 2024
Unha das imaxes que deixou a Praza dos Libros de Carballo no 2024 BASILIO BELLO

09 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un mundo vivo e solidario debaixo dos nosos pés que nos importan unha merda. A frase está extraída da novela Detective Ferruchi, unha obra que lle valeu á malpicá Marta Villar o Premio Xerais no 2024 e, a min, o volver andar cargada dun lado para o outro uns cantos días cun libro de case 500 páxinas. Coma se fose unha extensión do corpo. Era o que facía cos libros noutro tempo, basicamente antes de que o indispensable fose saír da casa cun teléfono móbil. Peor aínda, con dous. Quedan apenas unhas horas para que bote a andar unha nova edición da Praza dos Libros de Carballo. Xa a terra deu outra volta, e velaí se outea ese xoves do ano no que as palabras do pregón son ceibadas entre recendo a chourizos, a bacallau ou a churros. Ese xoves do ano, todos os libros das casetas están aínda por acariñar e peneirar.

Marta pasará por Carballo con esta súa obra para ler en marchas curtas, e coma ela moitos outros autores e autoras que durante catro días farán da literatura un alimento de par do atún ou do pan. A Plic! de Carballo é a das grandísimas historias pequenas, eses fulgores de luz que quedan entre o balbordo. Como cando Manuel Rivas dixo que un lugar sen contos é un «maldito sitio triste», ou como cando Xulia, a xornalista de Detective Ferruchi —Umeiro é Carballo?— ten que pasar dunha fallida visita do presidente do Goberno a facer unha reportaxe dun cucho con dúas cabezas en Cerceda. Pois si, así é este oficio, e así se consomen as letras. Non hai mellor recomendación para os libros que vivilos. Nas historias miúdas está a existencia. Xa o di Ramón Vilar, outro dos convidados á Plic!: a vida é unha partida de futbolín. Temos un universo debaixo dos pés. Debería importarnos máis ca unha merda.