
A cita tivo lugar en Pontevedra o pasado martes, pero non foi o único éxito do club carballés esta semana
27 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.A contorna de Pontillón de Castro, en Verducido (Pontevedra), acolleu o martes o Mundial Multisport. Alí despuntou o oleirense Hugo Souto, carballés adoptivo despois de moitos anos no club Fogar. O mozo deportista fíxose coa medalla de prata representando a España na modalidade de Tríatlon Cros e na categoría reservada para homes de 18 e 19 anos. A proba desenvolveuse nun circuíto moi esixente, con 1.000 metros de natación, 29 quilómetros de ciclismo e 7,5 de carreira a pé. Hugo cruzou completouno en 2 horas, 18 minutos e 27 segundos, a algo máis de tres minutos do campión, o francés Louka Dumont.
O club afincado en Carballo xa obtivera grandes resultados en tríatlon durante a fin de semana, no Campionato Galego de Tríatlon Supersprint cadete, xuvenil e júnior, que tivo lugar en Ponteareas. Adrián Sancho, Iago Prada e o propio Hugo Souto foron cuarto, quinto e sexto, respectivamente.
Gallego de natación
Sete deportistas do Fogar participaron a fin de semana no Campionato Galego alevín de Natación de Verán celebrado na piscina de Lieiro, en Cervo. Alí obtivo o club nove medallas. Catro logrounas Sara Ríos, de doce anos: ouro en 500 e 200 metros braza, prata en 100 metros braza e bronce nos 100 metros libres. Tres foron Carla Giance, de trece anos: ouro nos 50 metros costas, prata nos 100 metros costas e bronce nos 100 libres. E os outros dous metais conseguiunos Xacobo Fraga, de doce anos: bronce nos 50 metros costas e nos 200 metros libres.
Atletismo ao aire libre
Outros tres deportistas do Fogar competiron en dúas probas de atletismo ao aire libre. No Control Federativo de Marcas que se celebrou en Elviña, Iago Bello gañou a proba de 2.000 metros cruzando a meta en 6.43,73.
No Campionato Galego sub-16, Adrián Fuentefría rematou cuarto os 3.000 metros, aínda que batendo a marca do club para un deportista de 14 anos, con 9.38,47.
Ana Ézara, pola súa banda, foi décimo cuarta nos 600 metros. A próxima cita para o club será o Campionato Galego absoluto.